Rueda avanza que nas vindeiras semanas se incorporarán 72 novos médicos de familia con praza fixa a centros de atención primaria

Destaca que o obxectivo é cubrir postos de “difícil cobertura” que levan “moito tempo vacantes”

Trátase de facultativos que accederán a praza a través dun proceso de concurso

O Diario Oficial de Galicia publica mañá a relación de aspirantes seleccionados e as súas puntuacións para proceder de inmediato á elección de prazas de difícil cobertura

Salienta que, grazas a este proceso, “Galicia é a única comunidade que posibilita a un especialista médico obter un posto fixo no mesmo ano no que finaliza a súa formación MIR”
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que nas vindeiras semanas vanse incorporar 72 novos médicos de atención primaria a postos de difícil cobertura a través do sistema de concurso que lles permite ter acceso á condición de persoal estatutario fixo sen necesidade de realizar un exame. De feito, mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución do tribunal do proceso selectivo coa relación de persoas aspirantes definitivamente seleccionadas e as súas puntuacións para proceder de inmediato á elección de prazas de difícil cobertura.

E, a partir do luns, ábrese o período de elección de praza de forma telemática entre os postos de difícil cobertura das distintas áreas sanitarias (23 prazas na área de Ourense, Verín e O Barco; 15 en Santiago de Compostela e A Barbanza; 11 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 8 en Ferrol, 7 en Vigo; 5 na área de Pontevedra e O Salnés e 3 na Coruña e Cee).

O obxectivo é seguir traballando para paliar o déficit de profesionais que hai nalgunhas especialidades e cubrir “prazas de difícil cobertura que levaban moito tempo vacantes”, indicou o presidente.

Ademais, tal e como lembrou Rueda, o persoal MIR da especialidade de médico de familia que terminou nos mes de maio puido optar a estas prazas. Dos 72 seleccionados a través deste proceso selectivo, tres deles son residentes que acabaron a súa formación hai só uns meses. “Galicia é a única comunidade que posibilita a un médico obter un posto fixo no mesmo ano en que finaliza a súa formación MIR”, salientou Rueda.

Co fin de axilizar a adxudicación de prazas, todos os aspirantes (incluídos os que non teñen a condición de seleccionados) poderán elixir as prazas da súa preferencia nun acto de elección telemático, para que no suposto de quedar prazas sen adxudicar entre os/as aspirantes seleccionados/as, se poida realizar a selección dun novo aspirante pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles/as aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria, namentres o Goberno central non reforma a lexislación do Estatuto Marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, tal e como acordou por unanimidade o Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde en abril de 2018.

A través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega contará con 178 novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos. A estes 72 que se incorporarán proximamente -oito deles non traballaban ata agora na sanidade pública galega- hai que engadir os 106 postos que se convocaron por concurso no 2022.

Novas prazas por concurso-oposición

Ademais, a Consellería de Sanidade ampliará en próximas datas o prazo de convocatoria do concurso-oposición de médico de familia para incluír as prazas da oferta de emprego público de 2023 aprobada o pasado mes polo Consello da Xunta. Polo tanto, ás 150 prazas xa convocadas, sumaranse 121, facendo un total de 271 prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición nesta categoría.

A Xunta continuará a materializar o seu compromiso de estabilización de emprego e desenvolverá os exames desta convocatoria no primeiro cuadrimestre do ano 2024.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023