O presidente da Xunta inaugurou a xornada Conectividade para o impulso dun territorio intelixente

Rueda destaca o compromiso do Goberno galego na transformación dixital de Galicia para mellorar a rendibilidade das empresas e a vida das persoas

Salienta que a futura Lei de intelixencia artificial será a primeira dunha rexión europea

O futuro nodo Conectivi.gal consolidará a colaboración público-privada e creará un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego para impulsar a transformación dixital de Galicia e para situarse á vangarda dos novos avances en materias como a conectividade ou o Internet das cousas, das que puxo en valor que serven para melloran a rendibilidade da actividade económica de calquera índole, á vez que melloran a vida das persoas. 

“En Galicia tomámonos en serio estas cuestións”, aseverou o mandatario galego na inauguración da xornada Conectividade para o impulso dun territorio intelixente, na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. 

Na súa intervención, avanzou que a Xunta seguirá consolidando a colaboración público-privada nestes ámbitos, en tanto considerou que é deber das administracións públicas acompasar os seus esforzos cos do tecido económico privado. Neste esforzo, encadrou o futuro nodo Conectivi.gal, que se impulsará en colaboración coas tres universidades galegas, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), e Vodafone, Orange e Telefónica-, que ten como obxectivo crear un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade. 

“Dá moita tranquilidade que todo o que se está a facer neste eido desde a Xunta, se fai da man das tres universidades; con todo o seu coñecemento e talento. É como hai que facelo”, defendeu sobre a importancia da colaboración da Administración co eido académico e tamén coas empresas para avanzar na “enorme oportunidade” que supón para Galicia os investimentos e proxectos vencellados coa transformación dixital. 

“Hoxe en día non ter acceso ás novas tecnoloxías é tan difícil de entender como o sería hai non demasiados anos non dispoñer de teléfono ou subministro eléctrico”, exemplificou o presidente galego sobre a súa importancia. “Non o podemos permitir, e de aí o esforzo económico importante que realizamos”, salientou con respecto aos investimentos do Goberno galego neste ámbito e que están a axudar a solucionar os problemas de conexión dixital derivados da posición e dispersión demográfica que ten a comunidade, en referencia a que Galicia concentra a metade dos núcleos de poboación de España. 

Galicia, sede de AESIA e primeira rexión europea en regular a intelixencia artificial

Precisamente, a Xunta aprobou o ano pasado o Plan de Territorio Intelixente, que ten como finalidade habilitar unha plataforma tecnolóxica que permitirá xestionar en tempo real datos procedentes de todo o territorio. Os datos, recibidos, entre outras orixes -de sensores, satélites, ou vehículos non tripulados- serán procesados con tecnoloxías intelixentes para poñelos ao servizo da política territorial, os servizos públicos ou os sectores produtivos. 

 Neste senso, Rueda puxo, como exemplo práctico, a aplicación destas tecnoloxías na aldea modelo de Moreda (Lugo), no marco dos proxectos piloto da Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas). O sistema permite coñecer e analizar a posición e actividade de cada animal -se está en movemento, pastando ou descansando- o que permite detectar situacións anómalas nas que é necesario intervir. A iniciativa está a ter

Nesta aposta polas novas tecnoloxías e o I+D+i, o titular do Executivo galego puxo en valor que Galicia sexa quen acolla, na cidade da Coruña, a sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA) ou o feito de que será a primeira rexión europea en regular por lei a Intelixencia Artificial, co obxectivo de impulsalas desde a responsabilidade e o máximo respecto aos dereitos da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023