A Xunta concede máis de 200.000 € en axudas a 18 proxectos empresariais liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria de emprendemento feminino durante unha visita a unha das beneficiarias deste plan autonómico

Este programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contou este ano cun investimento de 4,8 M€ que se repartiron entre un total de 362 iniciativas empresariais

Neda (A Coruña), 14 de decembro de 2023

A Xunta apoia este ano con 213.000 euros un total de 18 iniciativas empresariais lideradas por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución desta convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade durante unha visita a unha das beneficiarias deste programa autonómico.

Trátase de María José Pouso, xerente do paintball Rompebolas, situado no lugar de Pename Alto, en Neda, un espazo de entretemento para a celebración de aniversarios ou reunións de amigos e empresas baseado neste xogo en equipo no que a estratexia é clave. Para a posta en marcha deste proxecto empresarial a beneficiaria contou cunha achega autonómica de 10.000 euros dentro da liña Emprende, orientada a facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de novo emprego feminino estable por conta propia e allea.

Acompañada do xefe territorial da consellería, Pablo Lorenzo, a delegada territorial puxo en valor o impacto positivo desta convocatoria “a hora de apoiar a mulleres como María José que, tendo xa unha experiencia anterior neste sector animouse a liderar o seu propio negocio, grazas a estas axudas”, destacou.

Aneiros lembrou que esta convocatoria contou este ano cun investimento de máis de 4,8 M€. En total concedéronse 362 achegas en toda Galicia coas que se poderán crear e consolidar 800 empregos femininos.

O programa, que posúe catro liñas de axudas (Emprende, Activa, ITEF e Concilia) comprende apoios dirixidos a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

A delegada territorial destacou que coa convocatoria deste ano o Goberno galego leva investido desde 2009 máis de 23 M€ no programa, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 novos postos de traballo e o mantemento de case 1.100 preexistentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023