A Comisión Galega de Control da Violencia instará á Comisión Estatal para que actúe ante os incidentes ocorridos no Liceo - Voltregà da OK Liga

Tamén se impuxeron tres sancións por comportamentos violentos con multas de 150 euros e a prohibición de acceder a calquera recinto deportivo en tres meses e abríronse dous novos expedientes sancionadores

Santiago, 13 de decembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu unha nova reunión -a décimo segunda- da Comisión Galega de Control da Violencia. Nesta nova xuntanza, os membros da Comisión acordaron instar á Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte para que tome cartas nos incidentes ocorridos no partido correspondente á xornada 11 da OK Liga que disputaron o CP Voltregà e o Deportivo Liceo e que obrigou ao equipo liceísta a abandonar o estadio antes de tempo debido á súa sensación de inseguridade.

Do mesmo xeito estudáronse un total de seis expedientes en curso e tres novos expedientes. No caso dos expedientes que xa estaban en curso, a Comisión impuxo tres sancións por comportamentos violentos que levan aparellada unha multa de 150 euros e a prohibición de acceder a calquera recinto deportivo no período de tres meses. Ademais arquiváronse outros dous expedientes e un máis continúa a súa tramitación.

No caso dos tres novos expediente destacan a apertura dun expediente sancionador pola comisión dunha infracción grave do pai dunha xogadora nun partido de baloncesto infantil; a denuncia e remisión á Comisión Estatal dun expediente por posesión e consumo de substancias estupefacientes nun partido de fútbol de ámbito estatal; así como o inicio doutro expediente sancionador por un caso de insultos e agresións nun partido de fútbol. 

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023