A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou no encontro organizado pola Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) con motivo da festividade de Santa Bárbara

Lorenzana destaca a aposta da Xunta por implantar en Galicia unha industria xeradora de biocombustibles

Salienta que a Administración autonómica está poñendo sobre a mesa todas as facilidades posibles a nivel de tramitación e apoios para ver materializados os proxectos previstos

Avoga por seguir impulsando a modernización e profesionalización do sector das gasolineiras, e por promover a diversificación de servizos coa progresiva implantación de novos combustibles alternativos

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A consellería de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a aposta da Xunta por implantar en Galicia unha industria xeradora de biocombustibles e novos vectores enerxéticos como o hidróxeno verde.

Así o manifestou durante a súa intervención nun encontro organizado pola Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) con motivo da festividade de Santa Bárbara, onde fixo referencia aos retos que afronta o sector no marco da transición enerxética. Ao respecto, avogou por seguir impulsando a súa modernización e profesionalización, e por promover a diversificación de servizos coa progresiva implantación de novos combustibles alternativos.

Neste ámbito, Lorenzana salientou que a Xunta está poñendo sobre a mesa todas as facilidades posibles a nivel de tramitación e apoios para ver materializados proxectos como, por exemplo o que prevén desenvolver Greenalia e P2X-Europe en Curtis para producir e-fuel. Tamén as factorías de hidróxeno verde nas Pontes —de Reganosa e EDP Renovables— e en Meirama (Cerceda) —promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol— quen, ademais, prevén implantar nos terreos da antiga central térmica de Meirama unha planta de biometano a partir de residuos gandeiros. Ou o de Forestal del Atlántico en Mugardos para xerar metanol verde.

A conselleira apuntou que Fegaes agrupa máis de 300 estacións de servizo das catro provincias galegas que representan o 70 % do sector en Galicia; con 900 empresas asociadas; e máis de 2.300 empregos directos vinculados. E apostou polo traballo coordinado no actual contexto de alza de prezos dos combustibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023