A Xunta aborda coa Comisión Europea a aplicación rexional dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o último encontro de 2023 do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’

Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa, abordouse o rol clave dos entes rexionais na aplicación dos ODS
 

Bruxelas, 13 de decembro de 2023

A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o oitavo encontro do ano do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, o foro de debate mensual entre a Xunta e as institucións europeas. Esta última reunión de 2023 centrouse no compromiso das rexións cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción con 17 obxectivos e 169 metas que aborda cuestións como a pobreza, a saúde, a educación ou o clima.

Ana Ramos subliñou a importancia da dimensión rexional dos ODS, posto que son as rexións as que dispoñen de información máis precisa para facer un seguimento dos obxectivos, ao tempo que poden articular estratexias de desenvolvemento máis estreitamente vinculadas á cidadanía. Ademais, lembrou que, a pesar de que a consecución do 65% dos ODS dependerá das aportacións dos entes locais e rexionais, a súa localización enfróntase a diversos desafíos, como a falta de coordinación entre os diferentes niveis de gobernanza ou, especialmente, a falta de recursos financeiros suficientes.

A sesión contou coa participación de Laia Pinós Mataró, xefa adxunta de unidade na Secretaría Xeral da Comisión Europea, quen ilustrou o compromiso da Unión Europea coa Axenda 2030 e cos ODS, patente na presentación ante as Nacións Unidas, o pasado xullo, da súa primeira revisión voluntaria da aplicación dos Obxectivos.

A perspectiva galega foi ofrecida por Isaac Gómez Piñeiro, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático. Desde a Xunta avalíase a posta en marcha da Axenda 2030 na comunidade. Galicia conta cunha comisión interdepartamental para o seguimento dos ODS e varias iniciativas de relevancia para implantalos, como a Alianza Galega polo Clima, unha oficina de coordinación do Pacto das Alcaldías ou unha futura Lei do Clima.

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023