A Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia difunden o potencial mineiro a través do catálogo de recursos naturais da comunidade

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Ferrol na súa presentación

Ferrol, 13 de decembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na presentación do Catálogo de Recursos Naturais de Galicia, que se celebrou na sede da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol. Este proxecto é froito da colaboración entre a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e a Xunta de Galicia. Este inventario ten como obxectivo difundir o potencial mineiro galego, en especial, o que poida considerarse de carácter estratéxico.

Tal e como explicou o director xeral, os traballos consistiron na elaboración de fichas de produtos e subprodutos dos recursos de orixe mineral, a clasificación estratéxica dos estériles con posible valor engadido, a elaboración dun mapa de recursos dispoñibles do sector mineiro e unha imaxe gráfica para o proxecto. En total, inclúense máis de 120 produtos de orixe mineral.

Na súa intervención, Fernández Vila felicitou á COMG polo seu traballo e agradeceu a colaboración da Axencia Galega de Innovación e do CIS Tecnoloxía e Deseño. Ademais, subliñou que esta actuación se enmarca na Axenda de Impulso da Minería Sustentable de Galicia 2030, do mesmo xeito que outras accións impulsadas recentemente como a posta en marcha da oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos ou o proxecto SmartMin Tech que, a través da Compra Pública de Innovación, tratará de achegar solucións para dar resposta a tres retos: a posta en valor dos recursos xeolóxico-mineiros de Galicia, a transición cara a un novo modelo de interrelación entre a Administración e o sector mineiro ou a mellora da sustentabilidade.

O Catálogo de Recursos Naturais de Galicia pasará a formar parte da Materioteca, unha iniciativa da Xunta para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023