A Xunta presenta o programa Atempo que mellorará a eficacia na resposta ante as emerxencias transfronteirizas entre Galicia e o norte de Portugal con ferramentas como a intelixencia artificial

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura do evento no que se deu a coñecer esta iniciativa liderada pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega) que resultou beneficiaria da terceira convocatoria de axudas do programa POCTEP 2021-2027

A Xunta achegará 2M€ dun total de 4,8M€, no marco do proxecto resultado da colaboración co Goberno de Castela e León, a Universidade da Coruña, a CIM do Alto Minho, a CCDR-N, a GNR e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica de Portugal

Prevese que o proxecto Atempo teña ata 2025 un impacto directo sobre 570.000 habitantes da área transfronteiriza pero, de maneira indirecta, algunhas accións chegarían a unha poboación de máis de 9 millóns de persoas

O programa dá continuidade á frutífera cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias entre Galicia e Portugal con outras experiencias anteriores como Ariem+ ou Protempo, que mobilizaron máis de 3M€ e contribuíron á formación de 700 efectivos

Porto, 12 de decembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do evento de presentación do programa Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (Atempo), que vén de ser unha das 80 iniciativas beneficiarias da terceira convocatoria das axudas do Programa Operativo Interreg V-A España Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027. Na súa intervención, puxo en valor a importancia da cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias para mellorar a eficacia na xestión das incidencias naturais a ambos lados da raia como incendios forestais ou inundacións.

De feito, o programa Atempo pretende non só reducir os tempos de resposta ante unha emerxencia en zonas de fronteira senón anticiparse e previr as catástrofes relacionadas co cambio climático mediante o fomento da innovación con ferramentas como a intelixencia artificial ou os mapas de isocronas.

Segundo destacou Santiago Villanueva, “o cambio climático é unha realidade á que se lle debe dar resposta cos mellores medios materiais e tecnolóxicos”. Nesta liña, incidiu en que a seguridade transfronteiriza “pasou de ser unha prioridade a unha misión compartida e ten que deixar de ser unha aspiración para converterse nunha certeza”.

Nunha intervención anterior, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, deu a coñecer os obxectivos e actividades deste proxecto. A Axega é precisamente un dos socios e achega 2 millóns de euros do investimento total de 4,8 millóns de euros que suporá o desenvolvemento de Atempo ata 2025. A contía restante corresponde ás achegas das outras entidades participantes: o Goberno de Castela e León e a Universidade da Coruña, pola parte de España; e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), a Garda Nacional Republicana (GNR) e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica (Inem), pola parte portuguesa.

Prevese que o proxecto Atempo teña un impacto directo de 570.000 habitantes da área transfronteiriza, aínda que determinadas accións poden ter efectos nunha poboación de máis de 9 millóns de persoas.

Ademais, a iniciativa dá continuidade ao compromiso da Xunta coa seguridade da poboación no territorio transfronteirizo, que xa se materializou en experiencias anteriores como Ariem+ e Protempo, coas que se mobilizaron máis de 3 millóns de euros para formar a máis de 700 efectivos, previr a xestión e coordinación de riscos mediante a organización de simulacros e sensibilizar a unhas 573.000 persoas sobre o cambio climático. 

Co Atempo dáse un paso máis para garantir a seguridade da poboación nun contexto cunha tendencia de emerxencias en aumento con tempos de resposta eficaces ante calquera evento adverso e liderar a innovación nos servizos de emerxencia. Para acadar este obxectivo, o programa contempla actuacións como o deseño de ferramentas de prevención co uso da intelixencia artificial; a formación conxunta de 450 efectivos e a posta en marcha dun marco común de certificación de habilitación para a xestión de emerxencias entre España e Portugal; o investimento de 2,3 millóns de euros en equipamentos e vehículos, dos que a Xunta achegará 1,6 millóns; así como a mellora da concienciación da poboación para facer fronte a catástrofes derivadas do cambio climático na zona de cooperación.

Cómpre lembrar que os proxectos relevantes para Galicia e o Norte de Portugal dos últimos anos foron posibles grazas aos fondo do último POCTEP 2014-2020 sendo a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a área da fronteira hispano-lusa máis beneficiada con 85 proxectos que permitiron captar 163 millóns de euros, entre eles o programa Protempo. O traballo do Goberno galego en proxectos conxuntos con socios portugueses no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa está dando resultados nas primeiras convocatorias do novo POCTEP 2021-2027, sendo Atempo beneficiario da terceira e última das ordes publicadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023