A nova Estratexia de seguridade e calidade do paciente do Sergas reforzará ferramentas que garantan a trazabilidade no uso seguro de medicamentos

Así o destacou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, na presentación da Estratexia 2024-2028, que promove unha especial atención á dor dos pacientes

Esta nova folla de ruta incorporará o proxecto Flebite Zero para a redución de infeccións nas unidades de críticos
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, presentou a nova Estratexia de seguridade e calidade do paciente do Sergas 2024-2028, coa que, entre outras accións, se reforzarán ferramentas que aseguren a trazabilidade no uso seguro de medicamentos. Para iso, utilizaranse tecnoloxías da información en todo o proceso de prescrición e validación e centralizarase a preparación dos medicamentos nos servizos de farmacia.

Co obxectivo de centrar a asistencia sanitaria na experiencia e expectativa dos doentes, Aboal sinalou que “a estratexia proporcionará criterios homoxéneos en toda a rede Sergas para despois pasar a personalizar o tratamento”.

Na presentación desta folla de ruta, á que tamén asistiu a subdirectora xeral de Atención Hospitalaria, Raquel Vázquez Mourelle, adiantouse o propósito de mellorar a seguridade nos coidados e tratamentos, cunha especial atención á dor do paciente. Así, esta estratexia prevé facer unha valoración centrada na funcionalidade do doente a na súa calidade de vida, ademais de divulgar a dor aguda e crónica entre pacientes e profesionais.

En canto á información, o Sergas busca que o paciente poida participar nos seus propios coidados durante o ingreso hospitalario, proporcionándolle formación e habilidades para poder facelo ou, de non ser posible de forma persoal, implicar á súa familia e persoas coidadoras. En todo momento, os profesionais sanitarios deberán ofrecer unha información clara, concreta e comprensible sobre a súa saúde, tanto no que ten que ver cos resultados patolóxicos como cos que non impliquen patoloxía.

Ademais, o documento incorporará o proxecto Flebite Zero para a redución de infeccións nas unidades de críticos, complementando outros proxectos xa existentes como Bacteriemia Zero, Pneumonía Zero ou Resistencia Zero.

Desta forma, o director xeral do Sergas agradeceu o labor dos 85 profesionais das sete áreas sanitarias que traballaron na elaboración da Estratexia de seguridade e calidade do paciente para os próximos catro anos. “É un luxo ter contado co coñecemento e experiencia destes profesionais expertos en seguridade e calidade asistencial, que traballaron na estratexia durante máis dun ano”, destacou Aboal. Así mesmo, o resultado final é froito de ter contado coa voz de doentes e as súas asociacións para poñer o foco nas persoas.

Data de actualización: 13/12/2023