A Xunta pon en valor os 6 M€ que se destinarán aos concellos galegos en 2024 para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a xuntanza da Comisión de Corresponsabilidade, repartimento do traballo doméstico e de coidados do Consello Galego das Mulleres

Sinalou que a maiores das colaboracións cos concellos -cuxo orzamento se incrementa un 33,6%-, reeditaranse os apoios ás anpas, entidades e asociacións, federacións de mulleres rurais, bibliotecas, centro culturais, federacións deportivas e universidades

Nesa liña, destacou os estudos que están a elaborar as universidades públicas sobre os coidados e a corresponsabilidade, analizándoos desde a perspectiva de xénero, desde a visión das persoas coidadoras e segundo as medidas nas empresas

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión de Corresponsabilidade, repartimento do traballo doméstico e de coidados do Consello Galego das Mulleres. Alí, fíxose balance das medidas implementadas pola Xunta para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade, que se reforzarán en 2024. Tamén se trataron os convenios asinados coas universidades públicas no eido dos coidados e da corresponsabilidade.

Primeiramente, a secretaria xeral destacou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en 2024 un total de 6 millóns de euros -un 33,6% máis que este ano- para apoiar as entidades locais galegas no desenvolvemento de programas para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade. Financiadas a través do Plan Corresponsables, as iniciativas buscan beneficiar as familias con menores de ata 16 anos, tendo prioridade as familias monoparentais, as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras circunstancias relacionadas cos coidados.

Así, dunha banda apoiaranse as bolsas de coidado profesional a través de dúas modalidades: para a habilitación de servizos que poidan prestarse nos domicilios ou que teñan lugar en dependencias públicas como escolas, centros municipais, multiusos, polideportivos ou ludotecas. Doutro lado, tamén se conceden axudas para a realización de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.

Así mesmo, reeditaranse as colaboracións con outros departamentos da Xunta e os apoios ás anpas, entidades de iniciativa social, federacións de mulleres rurais, bibliotecas, centro culturais, federacións deportivas e asociacións de familias de especial consideración, co gallo de avanzar na conciliación e na corresponsabilidade con iniciativas como obradoiros de formación e sensibilización ou espazos de lecer ao longo de todo o ano.

No encontro tamén se puxeron en valor -entre outras medidas- o II Plan Galego de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025 con máis de 1.100 millóns de orzamento para levar a cabo actuacións transversais en beneficio das familias galegas.

Convenios coas universidades

Na xuntanza, a secretaria xeral tamén salientou os convenios asinados coas tres universidades públicas arredor dos coidados. Así, a da Coruña está a elaborar un estudo sobre os coidados e a corresponsabilidade desde unha perspectiva de xénero.

No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a temática do estudo que están a levar a cabo é a resiliencia como factor protector da depresión en persoas coidadoras. Por último, a Universidade de Vigo está a encargarse da abordaxe desde o marco normativo e a implementación nas empresas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023