A Xunta acometerá a mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario

As obras, licitadas por máis de 1,4 M€ e cun prazo de execución de 4 meses, consistirán na rehabilitación e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

As empresas teñen ata o 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas a este contrato

A Xunta prevé iniciar os traballos a finais do inverno ou xa na primavera, en función das condicións meteorolóxicas

O Goberno galego segue traballando para manter as vías autonómicas nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario.

As actuacións, licitadas por 1.413.902 euros, comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nesta vía autonómica no seu percorrido por estes tres municipios da comarca do Condado.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A Xunta prevé iniciar estas obras a finais do inverno ou xa na primavera, en función das condicións meteorolóxicas. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.  

A intervención consistirá na rehabilitación superficial do firme da vía autonómica mediante o fresado e a súa reposición, completando os traballos co repintado da sinalización horizontal.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 13/12/2023