A Xunta completa a dixitalización dos servizos de anatomía patolóxica

O Sergas licita por máis de 800.000 euros, un total de 131 estacións de traballo para diagnóstico mediante imaxe dixital

Este licitación culmina o investimento de 5,7 millóns de euros aprobado pola Xunta no mes de xullo para adquirir novos escáneres de dixitalización e dispositivos de visualización
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia vén de publicar, na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación do subministro de 131 estacións de traballo para diagnóstico mediante imaxe dixital de anatomía patolóxica con destino a hospitais do Sergas, susceptible de cofinanciamento pola Unión Europea nun 60% a través do programa de GALICIA FEDER 2021-2027, por un importe de 802.192 euros.

É obxectivo da Consellería de Sanidade o desenvolver unha serie de proxectos que permitan dotar e implantar o equipamento de dixitalización e sistemas de información corporativos que permitan optimizar a actividade diagnóstica e terapéutica nestes centros a través das tecnoloxías da información.

A imaxe médica de anatomía patolóxica é a base de gran parte dos procesos diagnósticos e terapéuticos realizados nos centros sanitarios do Sergas vinculados a patoloxías graves como o cancro, nas que se está a avanzar en tratamentos cada vez máis personalizados.

O Sergas está a abordar unha transformación dixital nos departamentos de anatomía patolóxica que permitirá substituír o actual proceso de diagnostico realizado a través do emprego dos microscopios tradicionais, por un diagnóstico baseado na visualización da mostra nun soporte dixital. Este cambio posibilita a implementación de novos modelos de traballo enfocados a mellorar a calidade na asistencia sanitaria e potenciar a investigación clínica e epidemiolóxica.

O modelo de transformación permite un diagnostico en rede e máis intelixente, xa que este novo modelo de traballo leva implícito a posibilidade de implementar o uso da IA como axuda ao traballo dos profesionais e a posibilidade de diagnosticar en calquera lugar e por calquera profesional.

Sinalar que o volume diario de mostras supera as 5.000, e o volume anual situase por riba dos 1,1 millóns.

Esta actuación enmárcase no “Plan de transformación e saúde dixital 2023-2026 da sanidade pública galega”, aprobado en 2023 pola Xunta de Galicia. 

Culminación proceso de dixitalización

A licitación hoxe publicada culmina as contratacións aprobadas no mes de xullo polo Executivo galego, de 5,7 millóns de euros, para adquirir novos escáneres de dixitalización e dispositivos de visualización, e tamén para ampliar a capacidade de almacenaxe deste servizo encargado de procesar probas tan comúns como as biopsias ou as citoloxías.

Cómpre remarcar as actuacións previas realizadas pola Xunta ao longo dos últimos anos para dixitalizar os servizos de anatomía patolóxica da rede sanitaria pública galega. A tal efecto, para afrontar con éxito a transformación dixital deste servizo, realizáronse investimentos por un valor de 4,6 millóns de euros.

En concreto, destináronse un total de 2,4 millóns de euros ao desenvolvemento e implantación dun sistema de información corporativo de xestión dos departamentos de anatomía patolóxica; 1,3 millóns á dotación do equipamento necesario para a trazabilidade das mostras desde o mesmo momento da petición da proba; un total 600.000 euros ao desenvolvemento dunha plataforma de diagnostico asistido no que a Intelixencia Artificial apoia os diagnósticos e, finalmente, un investimento de 300.000 euros para dotar ao Sergas dun sistema centralizado de almacenaxe de imaxes.

Data de actualización: 13/12/2023