A Xunta colabora na mellora do local social da asociación de veciños ourensá Virxe de Covadonga cunha achega de 17.000€

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións para comprobar as obras realizadas e a dotación adquirida

O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de tres millóns de euros

Na cidade de Ourense hai sete entidades veciñais que recibiron axudas nesta liña cun importe global de 82.500 euros

Ourense, 13 de decembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe en Ourense o local social da asociación veciñal Virxe de Covadonga, que foi mellorado co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego investiu 17.000 euros nas actuacións, dos que 12.000 se destinaron a obras e 5.000 a equipamento.

Os traballos centráronse no baño, cunha reforma xeral que incluíu a eliminación de barreiras arquitectónicas, a renovación das pezas sanitarias, e a instalación de luces de tecnoloxía LED e dunha ventá abatible. Deste xeito reforzouse o confort xeral das instalacións, coa mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, dándolle resposta a unha das principais demandas das persoas usuarias.

En canto ao equipamento, a achega da Xunta permitiu adquirir diversos electrodomésticos, material audiovisual e informático, e mobiliario, entre outras dotacións para facilitar o desenvolvemento das actividades que promove o colectivo ao longo do ano.

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento do seu labor a prol da dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta desde 2016 coa creación do Plan específico de acción comunitaria, dotado con tres millóns de euros e ao que se suman cada exercicio un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Investimentos en Ourense

Concretamente no concello de Ourense, a asociación Virxe de Covadonga é unha das sete entidades veciñais que se beneficiaron da convocatoria deste ano. O conxunto das achegas do Goberno galego na cidade suma 82.500 euros que se distribuíron en axudas a obras e equipamento nos locais das asociacións de veciños de Palmes, San Vitorio de Arrabaldo, Os Montes do Barrio de San Francisco, Vilar de Astrés, Quince de agosto e a Abeleda de Castro de Beiro, ademais de no local visitado hoxe.

No conxunto da provincia o número de colectivos beneficiarios ascende a 58 e o investimento roza os 600.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023