A Xunta remite o Protocolo contra as violencias no ocio nocturno aos observatorios LGTBIQ+ e da violencia de xénero para que fagan as últimas aportacións

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a culminar o documento co que quere combater as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno, coa idea de que estea a dispor dos establecementos antes de rematar o ano

Co protocolo a Xunta quere ofrecer pautas comúns de actuación aos profesionais ante estas situacións e potenciar a prevención

Como principios de actuación, o protocolo establece a inmediatez, a atención prioritaria á vítima, o trato axeitado, a confidencialidade e a formación do persoal

Daráselle acceso ao protocolo ao persoal das discotecas, salas de festas, pubs ou cafés espectáculos que formalicen a súa adhesión ao mesmo

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia está a culminar a elaboración do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno, coa idea de poñelo a dispor dos establecementos antes de que remate o ano. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de remitir o documento definitivo ao Observatorio da Violencia de Xénero e ao Observatorio LGBTIQ+ para que fagan as súas últimas aportacións.

Con este protocolo, o Goberno galego aspira a combater as violencias nos establecementos de ocio nocturno. Para avanzar na prevención e no tratamento de situacións detectadas nestes espazos, ofrecerá pautas comúns de actuación a seguir por parte dos profesionais que porán no centro á vítima.

Entre os seus principios de actuación priorízase a atención á vítima e que reciba un trato axeitado, a confidencialidade das intervencións e a inmediatez ante situacións de violencia. Tamén se promoverá que os establecementos desenvolvan iniciativas de prevención e sensibilización e que profesionais do sector reciban formación especializada.

O obxectivo último do protocolo pasa pola prevención, a detección e a actuación ante situacións de violencia sexual e LGBTIfóbica que se poidan producir no lecer nocturno e que supoñen unha ameaza para as mulleres e persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais, intersexuais e queer.       

No eido da prevención búscase xerar un modelo festivo e de ocio nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas, sen sesgos sexistas nin discriminatorios na publicidade, na política de prezos ou nos accesos.

En canto a detección, bríndase aos profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto, como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio.

En canto as pautas de actuación, fíxase a atención á vítima ante unha situación potencialmente perigosa. Actuar con calma, preservar a confidencialidade, acompañar ou informar dos recursos cos que conta a persoa agredida son algúns dos aspectos protocolizados pola Xunta. 

Aos efectos da aplicación do protocolo, consideraranse establecementos de lecer nocturno as discotecas, salas de festas, pubs e cafés-espectáculos. Diríxese a todas as persoas que interveñen nos mesmos, desde o equipo directivo, persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

Previa adhesión ao protocolo, os establecementos deberán ter accesible o documento para todas as persoas traballadoras, que terán obriga de coñecelo.  

A Xunta de Galicia segue a avanzar con esta medida no seu compromiso de acadar a tolerancia cero ante calquera mostra de violencia.  Desde 2022, a comunidade dispón dun protocolo ante casos sospeitosos de submisión química. Ademais a recentemente aprobada Lei de igualdade fixa medidas de prevención contra o acoso sexual e promove espazos urbanos libres de violencia contra as mulleres.

O Goberno galego abrirá, así mesmo, no primeiro semestre do 2024, cinco centros de crise de atención 24 horas a vítimas de agresión sexual, vencellados con cadansúas áreas sanitarias de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023