A Xunta abre mañá o prazo de solicitudes para pescar lamprea no río Tea a próxima tempada

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde que regula a pesca desta especie e fixa as condicións para participar no sorteo de postos, que se celebrará o 19 de xaneiro

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Xunta abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona, así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2024.

O período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres, desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados, desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 08,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado.

Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 19 de xaneiro de 2024 no refuxio da Freixa (Ponteareas), ás 11 horas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de mañá, 14 de decembro. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.

Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.

Data de actualización: 13/12/2023