A Xunta apoia con preto de 260.000 € do Fondo Tecnolóxico a Modernización de 12 negocios nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta orde durante unha visita á farmacia Eiroa Castro, unha das firmas beneficiarias

“A través desta convocatoria o Goberno galego pretende fomentar a incorporación de novas tecnoloxías que permitan que as pemes ou as asociacións do sector poidan dar resposta aos novos hábitos de consumo e que impacten na transformación dixital dos propios establecementos e do seu modelo de negocio”, explicou Aneiros

Narón (A Coruña), 12 de decembro de 2023

A Xunta apoia con preto de 260.000 euros en axudas do Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico a 12 autónomos e pemes das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución desta convocatoria durante unha visita á farmacia Eiroa Castro, en Narón, beneficiaria dunha achega de 44.947 euros.

As actuacións para as que solicitaron a axuda encádranse dentro do programa Green store, dirixido á mellora da eficiencia enerxética do local e dos recursos. Así o beneficiario instalou unha porta automática de acceso ao local cun sensor de presenza e substituíu toda a iluminación existente por outra nova de tipo LED, así como controis de luminosidade. Tamén colocou reloxos de control horario e relevou o sistema de climatización antigo, baseado en radiadores eléctricos, por outro con bomba de calor con tecnoloxía inverter.

“A través desta convocatoria o Goberno galego pretende fomentar a incorporación de novas tecnoloxías que permitan que as pemes ou as asociacións do sector poidan dar resposta aos novos hábitos de consumo e que impacten na transformación dixital dos propios establecementos e do seu modelo de negocio”, explicou a delegada territorial, “o que redundará na rexeneración comercial das vilas e cidades”.

A convocatoria estableceu dúas liñas de axudas unha para persoas autónomas e pemes comerciais e outra para asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro. Dentro dos proxectos subvencionables incluíanse melloras en diferentes áreas da estratexia comercial online e en comunicación, modelo de negocio e experiencia de compra; adaptacións do espazo físico de venta; melloras da eficiencia e a sustentabilidade da entrega de última milla e melloras da eficiencia no consumo enerxético no local e nos recursos (Green store).

O Programa de modernización do comercio: Fondo tecnolóxico está financiado con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-Next GenerationEU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023