O presidente da Xunta asistiu ao acto de graduación da XV Promoción de Policías Locais na Academia Galega de Seguridade Pública

Rueda pon en valor o papel da Policía Local como piar fundamental da seguridade da cidadanía en Galicia

Salienta a súa “vocación e valentía” no seu servizo de atención de proximidade á poboación

Anuncia que o Ministerio de Interior se acaba de comprometer a sumar 50 axentes máis á Unidade da Policía Autonómica, dando resposta “xusta” á reclamación que lle facía a Xunta desde “hai moito tempo”

A Estrada (Pontevedra), 12 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel que desenvolve a Policía Local para garantir a seguridade da cidadanía en toda a Comunidade, ao tempo a erixiu como un piar “fundamental” para a sociedade. Así llo trasladou a este corpo de seguridade no acto de graduación da XV Promoción de Policías Locais, celebrado na Estrada na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

 

“Galicia é un lugar seguro, e queremos que o siga sendo e isto depende de moitos factores, pero o primeiro e fundamental da forzas e corpos de seguridade do que formades parte”, aseguroulles Rueda durante este acto, no que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

 

Na súa intervención, o mandatario galego tamén salientou a calidade da formación que recibe este corpo de seguridade na Agasp, academia que lembrou que xa leva formados a case 2000 axentes a través das “excelentes promocións” nos seus 30 anos de vida. No entanto, remarcou a “magnífica” promoción neste caso, en referencia a que foi a que máis prácticas ten realizado —supón o 70% da formación ; a primeira en asistir a xuízos reais; e pioneira en recibir formación sobre novos sistemas de detección de drogas ou de inmobilizar aos detidos.

 

O titular do Executivo galego tamén destacou os valores de “compañeirismo, lealdade e responsabilidade” que se ensinan na Academia Galega de Seguridade Pública, ao tempo que fixo fincapé no servizo de atención de proximidade aos cidadáns que supón a profesión de Policía Local, á que lle agradeceu a súa “vocación e valentía”.

 

50 axentes máis á Unidade da Policía Autonómica

En contrapartida a esta dedicación, Rueda garantiu o apoio do Goberno galego co desenvolvemento do traballo, tanto o que leva a cabo a Policía Local como resto de forzas de seguridade do Estado. Neste senso, lembrou a reclamación da Xunta desde “hai moito tempo” ao Executivo central para que a Policía Autonómica “deixase de perder tantos efectivos” en Galicia.

 

Ao respecto, anunciou que o Ministerio de interior comunicou por carta ao Goberno galego o seu compromiso de adscribir 50 axentes a esta Unidade de Policía Autonómica. “Desde a Xunta só pedimos o que corresponde. E cando nos dan o que cremos que é xusto, queremos recoñecelo”, admitiu o presidente galego, quen valorou o “cambio importante” de postura do Goberno central para “atallar o enorme problema de seguridade” que supoña a redución destes efectivos na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023