A Xunta impulsa a formación TIC de cerca de 5.000 traballadores grazas a un investimento de 2 M€

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector TIC

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén un convenio co Clúster TIC que permitirá a celebración, antes de que remate o ano, dun total de 266 cursos para axustar a formación dos traballadores aos perfçis que demanda o sector

Puxo en valor dúas iniciativas innovadoras no ámbito tecnolóxico que a Xunta porá en marcha en 2024: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector TIC organizada pola Xunta para visibilizar a formación para o emprego que se está a impulsar neste eido.

A directora xeral destacou que tras a ampliación do investimento en agosto dos convenios de colaboración que a Xunta mantén, entre outros, co Clúster TIC Galicia, o Goberno autonómico terá formado antes de que remate o ano cerca de 5.000 alumnos nesta materia a través de 266 cursos, cun investimento que acada os 2 millóns de euros.

O Goberno galego, tal e como apuntou Lado, está a contribuír a axustar a formación dos traballadores ás necesidades das empresas, para que poidan contar cos perfís axeitados se seguir a incrementar a súa competitividade.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros. Un total de 117 millóns teñen como fin financiar o Plan galego de formación para o emprego, que crece case un 13% respecto de 2023.

Grazas a esta aposta, tamén no eido das novas tecnoloxías, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

“Queremos seguir innovando para adaptarnos á evolución do mercado laboral e ás novas tecnoloxías”, dixo Zeltia Lado no encontro de hoxe celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, quen destacou que grazas a estas dúas apostas, Galicia contará con instrumentos axeitados para adaptar a formación das persoas traballadoras á demandada polo mercado de traballo.

Na mesma liña, a Xunta seguirá a apostar en 2024 polas microcredenciais, formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, un sistema de tendencia en Europa que permite a actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023