O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación do crédito destas axudas

A Xunta incrementa nun millón de euros os fondos do Bono Concilia Familia para atender ao total de solicitudes

Este programa duplicou este ano as solicitudes recibidas ata superar as 13.200

Concederanse as axudas a todas as familias que o soliciten e cumpran cos requisitos

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación de crédito para atender a todas as solicitudes que cumpran cos requisitos do programa de axudas Bono Concilia Familia. O Goberno galego incrementa nun millón de euros os fondos para facer fronte a duplicación de solicitudes recibidas este ano, que superan as 13.200.

Este programa ofrece apoio económico para que aquelas familias con fillos de ata 12 anos poidan contratar un coidador no fogar ou un servizo de conciliación cando o necesitan. O incremento no número de solicitudes poñen de manifesto o crecente interese por este programa que está dirixido ás familias nas que os dous proxenitores traballan e necesitan un apoio extra para o coidado en momentos puntuais como enfermidades, vacacións ou cuestións laborais.

As contías das axudas poden ser de 200 euros por cada neno para o pago dun campamento ou doutros recursos e servizos de conciliación, como unha ludoteca en períodos non lectivos como son as vacacións de verán ou de Semana Santa. Ou de 500 euros por unidade familiar no caso da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.

Data de actualización: 12/12/2023