A Xunta advirte que os recursos de financiamento autonómico non teñen en conta o impacto nas arcas galegas das medidas de loita contra a inflación

As cifras comunicadas no CPFF confirman a prudencia do Goberno galego no cálculo empregado para as contas do vindeiro ano

Miguel Corgos critica o traxe a medida a prol de Cataluña en materia de financiamento

Madrid, 11 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia advirte que os recursos de financiamento autonómico comunicados hoxe ás Comunidades Autónomas non teñen en conta o impacto nas arcas galegas das medidas de loita contra a inflación postas en marcha polo Executivo central.


As cifras feitas públicas hoxe no Consejo de Política Fiscal e Financiera (CPFF) celebrado en Madrid ao que asistiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, confirman a prudencia do Executivo galego do cálculo empregado para a elaboración da contas do vindeiro ano.


Neste sentido, os recursos de financiamento comunicados ascenden a 10.597 millóns de euros fronte aos 10.206 millóns previstos no proxecto de orzamentos aprobado pola Xunta.

 

Pese a ser 392 M€ de euros máis, hai que ter en conta que, no caso de que o Goberno central prorrogue as medidas de loita contra a inflación, como xa avanzou, o impacto nas arcas autonómicas sería de 322 millóns de euros. Deste xeito, a capacidade de gasto real para 2024 aumentaría só uns 70 millóns de euros respecto ao proxecto de lei en tramitación parlamentaria.


Obxectivo de déficit

Ademais, o CPFF informou de que o obxectivo de déficit para 2024 para as CC.AA quedará fixado no 0,1 %, obxectivo aínda pendente de ratificar polas Cortes. Neste marco, a Xunta manifestou a súa oposición por considerar que o maior esforzo na contención do déficit recae nas autonomías. En calquera caso, o proxecto de presupostos de Galicia para o ano que vén non prevé novo endebedamento por primeira vez en 16 anos.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública lamentou a falta de información sobre os acordos do PSOE e ERC en materia de financiamento, e criticou que o “traxe a medida” a prol de Cataluña pode “non sentarlle tan ben” ao resto de comunidades.

Data de actualización: 11/12/2023