A delegada da Xunta en Ferrol destaca o carácter solidario da Sociedade Galega na clausura das xornadas de voluntariado Traballando en rede!

Ferrol, 11 de decembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá na sede de Afundación as xornadas de voluntariado Traballando en rede!, promovidas polo Concello de Ferrol e nas que participaron representantes e expertos en voluntariado de entidades como o CAPD Souto de Leixa, Cruz Vermella Ferrol, Cocina Económica, Cáritas Diocesana ou Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, entre outras.

Na súa intervención, Aneiros puxo en valor o exercicio do voluntariado e destacou o carácter solidario da sociedade galega “con máis de 1.100 entidades de acción voluntaria inscritas no rexistro da Xunta o pasado ano e preto de 70.000 voluntarios en activo” nos distintos ámbitos. A este fío, Aneiros avanzou ademais aspectos da Estratexia de Acción Voluntaria 2027, a folla de ruta que marcará os obxectivos e medidas concretas a levar a cabo polas entidades e persoas voluntarias de cara a os próximos anos e que o Goberno galego aprobará proximamente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023