A Xunta remata a mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais na Derrasa, no pereiro de Aguiar, tras un investimento de máis de 456.000 €

Renováronse as infraestruturas hidráulicas neste núcleo de poboación, aumentando a eficiencia destes servizos de competencia municipal

A actuación incluíu a disposición de novas canalizacións en ambas as marxes da estrada autonómica OU-536

A intervención dará servizo a unha poboación de 460 habitantes para o ano horizonte 2043

Estas intervencións forman parte do acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello, polo que Augas de Galicia financiou os traballos nun 80%

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2022

A Xunta rematou as obras de mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais do núcleo da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar, tras un investimento de máis de 456.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe as infraestruturas hidráulicas ao Concello, tras a súa renovación neste núcleo de poboación e que permiten aumentar a eficiencia destes servizos de competencia municipal.

Os traballos executados incluíron a disposición de novas canalizacións en ambas as marxes da estrada OU-536. Á altura do punto quilométrico 7+940 as redes cruzan a estrada autonómica para conectar os colectores das dúas marxes.

O destino final da rede de residuais é a depuradora da Derrasa e as pluviais derívanse a unha zona próxima, no río Lonia. 

As obras darán servizo a unha poboación de 460 habitantes para o ano horizonte 2043.

A intervención contou coa financiación da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de covid-19.

Estas actuación enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello do Pereiro de Aguiar, polo que a Administración autonómica asumiu o 80% da financiación da actuación.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de modo eficiente as súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento.

Data de actualización: 11/12/2023