A Xunta forma a 20 desempregados para o sector hostaleiro no obradoiro dual de emprego do Grove

Os participantes traballarán en proxectos que revertan a favor dos seus veciños ofrecendo almorzos saudables

Reguera lembrou os bos datos de inserción laboral das edicións anteriores

A Xunta destina 530.000 euros a cada un dos 14 obradoiros duais de emprego da área territorial
 

O Grove (Pontevedra), 11 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego A Lanzada VI, financiado pola Xunta no Grove.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado divídese entre as especialidades de Cociña e Restaurante-bar. Ambas contarán con prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Estas prácticas reverterán ademais a favor da súa veciñanza, xa que ambas especialidades levarán a cabo proxectos no propio concello. Os participantes colaborarán cos servizos sociais do Grove, con Cáritas, e cos centros escolares do concello na elaboración de almorzos saudables para todo tipo de colectivos.

Ademais, está previsto que traballen en proxectos de investigación e innovación culinaria que teñen como obxectivo utilizar as algas e o plancton como un valor gastronómico autóctono e de gran calidade. Para elo, colaborarán cos servizos protocolarios do Concello e participarán en xornadas gastronómicas telemáticas con especialistas do sector.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para desexar moito éxito a todos os participantes tanto durante a duración do obradoiro como na súa inserción laboral que “é o verdadeiro obxectivo desta iniciativa”. Ademais, Reguera lembrou que os obradoiros relacionados coa hostalaría teñen demostrado ser moi eficaces xa que “boa parte do alumnado que participou neste tipo de obradoiros o ano pasado conseguiu entrar no mercado laboral”, algo que segundo o delegado “demostra que os obradoiros de emprego son unha ferramenta que pode cambiar a vida de quen a sabe aproveitar”.

O delegado rematou a súa intervención lembrando o gran esforzo que realiza a Xunta para financiar estes obradoiros de emprego. “Este ano vanse levar a cabo na área territorial de Pontevedra 14 obradoiros de emprego, o que supón máis de 7.5 millóns de euros de investimento. É un investimento moi importante, pero que valerá a pena se conseguimos manter os datos de inserción laboral dos anos anteriores”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023