A Xunta inicia as obras do colector do río sardiña para culminar o saneamento da enseada da Malata de Ferrol, cun novo investimento de 900.000

Esta intervención adicional está a comezar coa instalación das casetas de traballo e a preparación das tubaxes na contorna das obras
 

As obras permitirán unir as vivendas da marxe esquerda do río ao sistema de saneamento executado, mediante a construción de 13 pozos e un colector xeral que verterá por gravidade
 

As actuación levadas a cabo na Malata, cun investimento de 7,3 M€, conectaron un ámbito da cidade, onde se atopan vivendas, estadio de fútbol ou a piscina municipal, co sistema que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora
 

Esta nova actuación forma parte da aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, no que investiu máis de 115 M€
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras para executar o novo colector do río Sardiña, no concello de Ferrol.As obras, cun orzamento global de 900.000 euros e un prazo de execución de 6 meses, forman parte da colaboración co Concello, polo que a Xunta achega ao seu financiamento o 70 % do investimento necesario para impulsar esta actuación.

As intervencións están a comezar hoxe coa instalación das casetas de traballo para os operarios e a preparación das tubaxes na contorna da obras. 

Esta nova intervención enmárcase na aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, no que investiu máis de 115 M€, tendo como obxectivo a execución da rede de colectores da marxe esquerda do río a culminación do saneamento da Malata.

Os traballos a executar

Esta nova obra complementará as actuacións rematadas na zona da Malata, que supuxeron un investimento da Xunta de 7,3 M€, permitindo conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora.

Durante a execución da obra evidenciouse a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña.

 

Para iso, mediante as obras que se inician hoxe, executarase un colector xeral por gravidade, de 1.200 mm de diámetro e 574 metros de longo, ademais de 13 pozos, que irán pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada.

 As obras tamén inclúen un ramal secundario, que funcionará tamén por gravidade, con 120 metros e 7 pozos estancos.
 

Esta actuación está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación.
Data de actualización: 11/12/2023