A Xunta inviste 171.000 € este ano na mellora de infraestruturas municipais en Cerdedo-Cotobade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou a localidade para comprobar as actuacións feitas ao abeiro de distintas liñas de apoio

O investimento do Goberno galego no municipio nos últimos anos supera os 8,1 M€

A través das liñas de axuda específicas para os concellos só en 2023 se distribuíron máis de 27,2 millóns de euros para a execución de 600 proxectos de carácter local

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 11 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Cerdedo-Cotobade para comprobar diversas melloras realizadas no marco das liñas de apoio ao eido local. Os proxectos supoñen un investimento global de 171.000 euros ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público, do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) e do Fondo de Compensación Ambiental.

A través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local actuouse na mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo, cun investimento de 95.675 euros. Así, substituíronse dous termos eléctricos por aerotermos con tecnoloxía de bomba de calor, cambiáronse as luminarias por outras con tecnoloxía LED, ademais de instalar detectores de presenza para un acendido automático, e colocáronse módulos fotovoltaicos na cuberta.  

A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola mellora enerxética nos edificios de uso público. Nesta liña, xa se está a actuar nos edificios administrativos autonómicos ao tempo que se incentivan accións no eido local con axudas específicas. Con este obxectivo, en 2024 lanzarase unha nova liña de axudas plurianual destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais dotada con 5,3 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder.

Por outra banda, a través da orde infraestruturas de uso público, o Goberno galego cofinanciou con 49.500 euros as obras para a reforma do local multiúsos situado na planta alta do almacén municipal de Cerdedo. O proxecto incluíu actuacións na fachada, para reforzar a seguridade e o illamento, así como no interior con renovación de falsos teitos e de carpintarías, entre outras melloras.

A maiores, a Xunta destinou 25.900 euros aos sistemas de saneamento e de abastecemento. A achega investiuse concretamente na depuradora de Cuitán, en San Xurxo, e na rede de sumidoiros de Quinteiro, en Valongo. Cómpre sinalar tamén que Cerdedo-Cotobade figura entre os concellos que se benefician do fondo de fusións, do que recibe 750.000 euros dunha dotación global de 1,5 millóns.

Apoio aos concellos

Diego Calvo destacou que as actuacións realizadas en Cerdedo-Cotobade mostran a importancia das medidas de apoio da Xunta aos concellos, especialmente no caso dos de menor poboación e do rural, xa que garanten a prestación de servizos básicos para a veciñanza en infraestruturas eficientes, seguras e confortables. “O noso obxectivo é contribuír ao equilibrio territorial de xeito que toda a cidadanía galega goce das mellores condicións de vida e vexa atendidas todas as súas necesidades con independencia do seu lugar de residencia”, apuntou.

Estas medidas de apoio supuxeron un investimento superior aos 8,1 millóns de euros no concello de Cerdedo-Cotobade nos últimos anos e, ademais das melloras visitadas hoxe, permitiron adquirir equipamento para os servizos ambientais e mellorar diversas instalacións culturais e de lecer, entre outras accións.

A través destas convocatorias de axudas específicas, como a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local, ao longo de 2023 distribuíronse en todo o territorio galego máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023