A Xunta remata as obras de saneamento e depuración na contorna do edificio Casa de Baño do concello de Bande

Augas de Galicia vén de entregarlle estas infraestruturas hidráulicas ao Concello

As actuacións, cun investimento autonómico de preto de 45.000 €, permitiron a execución dun sistema de saneamento con pretratamento e a instalación dun grupo de depuración horizontal, arqueta de control para toma de mostras e sistema de infiltración a terreo

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento dun xeito eficiente
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar unhas obras de saneamento e depuración na contorna do edificio Casa de Baño, no concello de Bande. 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, entregoulle xa as infraestruturas hidráulicas ao Concello, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 45.000 euros. 

A intervención consistiu na execución dun sistema de saneamento con pretratamento de groxos mediante reixa de desbaste e separación de graxas por flotación, así como na instalación dun grupo de depuración horizontal, arqueta de control para toma de mostras, sistema de infiltración a terreo por gabia filtrante.

A Xunta, a través destas actuacións, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento dun xeito eficiente.

Data de actualización: 11/12/2023