A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou de que as empresas interesadas nos traballos teñen ata o 15 de xaneiro para presentar as súas ofertas e que o obxectivo é iniciar as obras na primavera

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras dunha nova glorieta no Val e dunha conexión co polígono de río do Pozo de Narón, que suporán un investimento de 935.000 €

Indica que se mellorará a mobilidade no Val substituíndo a actual intersección en cruz por unha rotonda de 32 metros de diámetro no cruce da AC-116 coa vía da deputación

Explica que tamén se executará un novo viario de acceso directo ao polígono de Río do Pozo executándose unha glorieta de 42 metros de diámetro que unirá a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba e evitará o paso do tráfico en Santa Margarida

A Xunta licitou hoxe por case 868.000 € as obras destas 2 glorietas na vía autonómica no Val e a nova conexión co polígono empresarial de Narón, que suporán un investimento total que roldará os 935.000 euros, tendo en conta as expropiación das 8 parcelas necesarias

Hoxe mesmo o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica as datas do levantamento das actas previas e de ocupación dos terreos afectados, que se realizarán en xaneiro e en marzo

A actuación mellorará a seguridade viaria e tamén facilitará a mobilidade cara ao polígono empresarial, que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como motor económico, industrial e comercial de Ferrolterra

Narón (A Coruña), 11 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras dunha nova glorieta no Val e dunha conexión co polígono empresarial de río do Pozo, no concello de Narón, que suporán un investimento de 935.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ata a estrada autonómica AC-116, á altura do Val, para explicar estas intervencións que redundarán na mellora da seguridade viaria e contribuirán á competitividade do municipio.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade informou que hoxe mesmo a Xunta licitou por case 868.000 € as obras para construír unha nova rotonda no Val, no cruce da AC-116 coa estrada da deputación, á altura do quilómetro 4+120; e tamén unha nova glorieta nesta vía autonómica para conectala co polígono de Río do Pozo, no quilómetro 3+360.

Explicou que o investimento da Xunta para execución destas 2 glorietas na estrada autonómica no Val e da nova conexión co polígono empresarial de Narón ascende a un total de 935.000 euros, tendo en conta a expropiación das 8 parcelas necesarias para a súa execución e a reposición dos servizos afectados.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 15 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Ethel Vázquez Indicou que, a partir de aí, a Xunta continuará cos tramites administrativos necesarios, avanzando en paralelo na adxudicación e na tramitación das expropiacións.

De feito, dixo, hoxe mesmo o Boletín Oficial de Provincia da Coruña publica as datas do levantamento das actas previas e de ocupación dos terreos afectados, que se realizarán nos meses de xaneiro e de marzo.

Avanzou o obxectivo da Xunta de iniciar na primavera a construción destas dúas glorietas que mellorarán a mobilidade na zona do Val e cara ao polígono, cuxas obras contarán cun prazo de execución de 12 meses.

Segundo precisou a conselleira, a través destas obras habilitarase esas dúas novas glorietas. A glorieta norte, na zona do Val, executarase sobre a plataforma existente, realizando ensanches onde sexa necesario e terá 32 metros de diámetro. Mediante esta intervención mellorarase a seguridade viaria nesta zona, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e desaceleración.

Con respecto a outra intervención, a glorieta sur e novo viario de acceso ao polígono, habilitarase unha rotonda máis grande, de 42 metros de diámetro. Esta glorieta conectará a estrada autonómica AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba a través do polígono. Tal e como lembrou a conselleira, esta nova conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia cuxa actualización foi aprobada pola Xunta, e evitará o paso do tráfico pola vía provincial en Santa Margarida, beneficiando aos veciños.

Detallou que estas intervencións se completarán con traballos de drenaxe, coa disposición de tubaxes que permitan dar continuidade á rede actual e a disposición de pozos e sumidoiros para a recollida da auga de escorrenta da estrada.

Ethel Vázquez incidiu en que a solución proposta para estes dous puntos, coa execución desas 2 glorietas, é a máis acaída, tanto a nivel técnico, como da seguridade viaria e da funcionalidade da propia estrada.

Fixo fincapé en que permitirá ofrecer aos veciños de Narón, especialmente no Val, maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, ademais de incidir na competitividade de toda esa zona, ao facilitar a mobilidade cara a esta grande área industrial que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como un motor económico, industrial e comercial da comarca de Ferrolterra.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023