Galicia e outras comunidades propoñen ao Ministerio de Sanidade manter o programa de colaboración para a elaboración de informes de posicionamento terapéutico

A proposta, trasladada no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado esta mañá, encádrase dentro do marco de distribución de fondos para o financiamento de políticas sanitarias

O conselleiro de Sanidade subliña que é fundamental que as comunidades autónomas participen de forma activa na redacción dos informes, para poder incorporar aspectos clínicos, asistenciais e económicos
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou esta mañá ao Ministerio de Sanidade, o visto e prace do Goberno galego para manter o programa de colaboración coas autonomías destinado á elaboración dos Informes de Posicionamento Terapéutico (IPT).

No marco da xuntanza extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, os responsables dos sistemas sanitarios autonómicos debateron esta proposta sobre a modificación pola que se aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas para o financiamento de políticas de cohesión sanitaria, de formación para facultativos de medicina, odontoloxía, farmacia e persoal de enfermería e de educación sanitaria da poboación, para favorecer ou uso racional dos medicamentos, o desenvolvemento do Plan nacional de doazón de medula ósea e o Plan nacional de sangue de cordón umbilical, por un importe de 42.861.365,64 euros.

García Comesaña, subliñou que “é fundamental que as comunidades autónomas participen de forma activa na redacción dos informes, para poder incorporar aspectos clínicos, asistenciais e económicos”; e “coa finalidade de que estes dean resposta ás necesidades na toma de decisións -tanto clínicas, como de xestión- no conxunto do Sistema Nacional de Saúde”.

Dun xeito unánime, o conxunto de representantes autonómicos solicitaron a inclusión do programa de colaboración coas Comunidades para a elaboración de Informes de Posicionamento Terapéutico (IPT) dos medicamentos dentro do Sistema Nacional de Saúde.

Un programa que o Ministerio de Sanidade retirara -na súa versión anterior-, e cuxo obxectivo é fortalecer o papel e a participación dos Servizos de Saúde na elaboración das IPT.

Data de actualización: 11/12/2023