Martina Aneiros, presentou esta mañá este novidoso proxecto en colaboración coa Federación Autismo Galicia

A delegación territorial da Xunta en Ferrol estrea nova sinalética con preto de 200 pictogramas para facer máis accesible a administración á cidadanía

“É un paso máis que leva a cabo a Xunta en pro da inclusión real e efectiva de todas as persoas coa obxecto de facer unha Administración máis próxima, útil e accesible para todos os cidadáns, independentemente das súas capacidades”, indicou Aneiros

A iniciativa pretende promover a sensibilización fronte ao autismo e implantar medidas para mellorar a accesibilidade cognitiva destas dependencias

Xunto a esta nova sinalización, impartirase un seminario formativo para os traballadores da Delegación territorial que servirá tamén para poñer en común ferramentas e estratexias específicas para unha comunicación efectiva coas persoas con autismo e diversidade cognitiva

Ferrol, 11 de decembro de 2023

A Delegación Territorial da Xunta en Ferrol mellora a súa accesibilidade cognitiva coa instalación de preto de 200 pictogramas nas diferentes unidades coa finalidade de promover a sensibilización fronte ao autismo e a diversidade cognitiva e implantar medidas para mellorar a accesibilidade destas dependencias. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá esta iniciativa acompañada da presidenta da Federación Autismo Galicia Mercedes Fernández Angulo, que prestou o seu asesoramento no proceso de elaboración dos novos carteis.

Segundo explicou Aneiros, trátase duns indicadores adaptados para a súa lectura e comprensión por parte de persoas con capacidades diversas. “É un paso máis que leva a cabo a Xunta de Galicia en pro da inclusión real e efectiva de todas as persoas co obxecto de facer unha Administración máis próxima, útil e accesible para tódolos cidadáns, independentemente das súas capacidade”, explicou a delegada territorial.

O proxecto basease en adaptar o entorno e eliminar os obstáculos para que as persoas con discapacidade ou dificultades cognitivas poidan desprazarse e desenvolverse de forma máis igualitaria e autónoma. Para iso promoveuse o uso e mellora de medidas e recursos específicos en accesibilidade cognitiva, así como unha formación xeral en accesibilidade e autismo coa fin de fomentar a empatía e as destrezas á hora de interactuar entre todas as persoas.

A delegada territorial destacou que, ao priorizarse un deseño inclusivo, “mellórase a comprensión e a interacción o que permite unha participación máis equitativa na sociedade e isto axuda a crear espazos máis acolledores e accesibles para todos, promovendo a inclusión e o respecto á diversidade”, puntualizou.

Xunto coa nova sinalización, impartirase un seminario formativo e de sensibilización aos traballadores da Delegación territorial que servirá tamén para poñer en común ferramentas e estratexias específicas para unha comunicación efectiva coas persoas con autismo e diversidade cognitiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023