O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases que rexen esta oferta

A Xunta convoca o concerto social para contratar 154 prazas de atención especializada a persoas con dano cerebral adquirido

A convocatoria inclúe o servizo de transporte e conta cun orzamento de 15,1 millóns de euros para o período 2024-2028

As entidades do terceiro sector interesadas teñen, a partir de mañá, un mes de prazo para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da administración autonómica

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

A Xunta publica a convocatoria do concerto social para a reserva e ocupación de 154 prazas públicas de atención especializada a persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA). O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe os requisitos que deben cumprir as entidades sociais para queiran concorrer a esta oferta de prazas, que inclúe o servizo de transporte vinculado ás mesmas e que conta cun orzamento de 15,1 millóns de euros para o período 2024-2028.

Do total das 154 prazas desta convocatoria,117 correspóndense con servizos de centro de día e as 37 restante son de atención residencial. As organizacións do terceiro sector teñen un mes de prazo, a contar a partir de mañá, para presentar as súas propostas. Terán que rexistralas obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica.

Esta é a primeira convocatoria de concerto social no ámbito da discapacidade que o Executivo autonómico saca adiante, comezando así a desenvolver o acordo asinado o pasado mes de novembro co terceiro sector. A este concerto social para entidades centradas na atención a persoas con DCA seguirán outras cinco para os campos da discapacidade intelectual, a discapacidade física, o autismo, a parálise cerebral, a saúde mental e a parálise cerebral. O investimento nestas seis convocatorias superará os 100 millóns de euros.

A través dos concertos sociais, o Goberno galego consolida a rede pública de recursos para atender a persoas con discapacidade, evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública e dá unha maior estabilidade ás entidades para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para este colectivo. Así mesmo, increméntase nun 30% o investimento con respecto aos contratos actuais.

Data de actualización: 11/12/2023