O 061 de Galicia asistiu 96 persoas por 71 accidentes de tráfico durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do xoves, 7 de decembro ata as 23,59 horas do domingo, 10 de decembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 85 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 11 de decembro de 2023

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 96 persoas debido a 71 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do xoves, 7 de decembro, ata as 23,59 horas do domingo, 10 de decembro. O sábado e o domingo foron os días que rexistraron máis sinistros, con 25 accidentes de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 85 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 71 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 96 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63% e do 37% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 27 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
23
Lugo
10
Ourense
11
Pontevedra
27
Galicia
71
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 85. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 12 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nun sinistro, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 62 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 10 accidentes.

En 70 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 23 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e tres persoas faleceron no punto.

 

 

Data de actualización: 11/12/2023