A Xunta achega os produtos agroalimentarios con selo de calidade galego ao CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza unha actividade no marco da iniciativa Come Local 2023, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro neste centro educativo da localidade coruñesa
 

Os asistentes poderán desfrutar dun menú degustación elaborado polo equipo de cociña con produtos galegos amparados por certificados de calidade
 

A xornada contará cunha charla impartida por varios produtores locais da zona e dinamizarase con xogos para os máis cativos, coa temática de experiencias de calidade

Cambre (A Coruña), 10 de decembro de 2023

A campaña Come Local 2023, impulsada a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, levará a cabo o vindeiro 15 de decembro unha actividade de promoción no CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre (A Coruña). 

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer os produtores e produtos que están cooperando na campaña, que busca impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nos comedores escolares ao mesmo tempo que se aposta pola saúde dos cativos a través da educación alimentaria. Ademais, tamén se trata de xerar confianza entre os proxenitores e os responsables do centro, así como dar a coñecer os distintos certificados que poden atopar como consumidores á súa disposición no mercado. 

A elección deste centro de Cambre pretende poñer en valor o traballo do seu equipo de cociña ante o resto da comunidade educativo e, por iso, o seu cociñeiro e o seu equipo, prepararán un menú degustación elaborado con produtos amparados por un selo de calidade galego. O cociñeiro conta cunha gran implicación na campaña, ademais de ter formación e experiencia no sector da restauración, polo que cumpre co perfil axeitado para facer unha actividade de cociña e de divulgación das características destes produtos de calidade. 

Participación de produtores locais

Nesta actividade, estarán presentes produtores asentados na contorna do centro escolar representando as opcións de aprovisionamento de materias primas e potenciando as canles curtas de comercialización. Os asistentes serán representantes da horta “Os Biosbardos”, inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CREAGA); “Queserías del Eume”, da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla; Leonardo Rodríguez, produtor de Coristanco amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia; José Cuadrado, presidente do Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá; e “Jamones González”, operador inscrito en CREAGA e na IXP Lacón Gallego. 

Espérase a asistencia de 500 persoas, que poderán degustar o menú presentado a modo de petisco. Xunto a esta degustación, a xornada dinamizarase cunha charla informativa sobre a campaña coa participación dos produtores e con xogos para os máis pequenos, coa temática das experiencias de calidade. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2023