A Xunta destaca a excelente calidade e o sabor do peixe e mariscos do mar de Galicia na XXXIII Festa do Marisco do Barqueiro

Mañón (A Coruña), 9 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a calidade e sabor do peixe e marisco das rías galegas así como as súas beneficiosas propiedades nutricionais e animou ao seu consumo como parte esencial dunha dieta equilibrada e saudable. O titular de Mar realizou estas manifestacións acompañado polo alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, na XXXIII edición da Festa do Marisco do Barqueiro organizada polo concello coruñés coa colaboración da Confraría de O Barqueiro-Bares. Alfonso Villares felicitou aos organizadores pola consolidación da cita gastronómica na que se reparten ao redor de 800 racións de produto local e tamén destacou a importancia da organización deste tipo de eventos na exaltación e promoción dos produtos pesqueiros entre os consumidores.

Na festa, que contou como pregoeiro co actor e humorista estradense Jose Manuel Rodríguez Puente, Isi, ademais de degustar apetitosas bandexas de marisco variado os asistentes tamén puideron desfrutar dun completo programa de actividades que incluíu diversas actuacións musicais. Ademais contou co terceiro mercado local e artesanal con pezas creadas a man os que se sumaron produtos de proximidade e ecolóxicos como chocolates, libros de segunda man, produtos da horta, pintura, mel, alimentación, traballos en madeira, xoguetes e outros artigos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2023