Ángeles Vázquez e o concello de Muíños avanzan na súa colaboración para mellorar distintos espazos públicos do municipio

O proxecto municipal para humanizar zonas de Pazos, Quintá e Muíños conta cun orzamento de preto de 600.000 euros

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Muíños están a traballar para avanzar na tramitación do proxecto de mellora de espazos públicos nos lugares de Pazos, Quintá e Muíños.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde deste municipio ourensán, Plácido Álvarez Dobaño, mantiveron recentemente un encontro no que acordaron colaborar para poder executar esas actuacións o antes posible.

Esta iniciativa ten encaixe no chamado plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego no ano 2010, a través do cal as administracións locais contan con apoios para financiar obras que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía sufragando a Administración galega o 70% do investimento e o concello o 30% restante.

O proxecto municipal para mellorar distintas áreas de Pazos, Quintá e Muíños establece un orzamento de preto de 600.000 euros, co obxectivo de mellorar os servizos e condicións de vida da veciñanza.  

Para a execución de obras coma esta, o plan Hurbe conta, en 2024, cun orzamento de máis 8 millóns de euros para apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde a súa posta en marcha, este programa mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.  

As partes tamén analizaron outras cuestións como a situación do proxecto para concluír o sendeiro o punto limpo da localidade a ponte de Soutelo, en Bande, ou asuntos relacionados co mercado da vivenda no municipio.    

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2023