A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse coa Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense

A Xunta actualizará a plataforma de información ambiental para facilitar o cumprimento da normativa de xestión de residuos por parte dos talleres mecánicos

Ángeles Vázquez fai fincapé en que este procedemento permitirá reducir as cargas administrativas destes establecementos, sempre e cando leven o arquivo cronolóxico correspondente a través de Gaia

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia actualizará a plataforma galega de información ambiental Gaia para facilitar o cumprimento da normativa de xestión de residuos por parte dos talleres mecánicos, tal e como avanzou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante unha reunión con representantes da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), a vicepresidenta segunda explicou que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático está a implementar os axustes técnicos necesarios na plataforma Gaia para recadar a información sobre as operacións de recollida e tratamento de refugallos realizadas nas instalacións.

Con esta medida, os talleres de reparación de vehículos quedarán exentos de enviar unha memoria resumen anual, tal e como ditamina a Lei de residuos e solos contaminados, porque os datos remitidos á plataforma Gaia xa estarían comprobados a través das validacións informáticas e se incorporarían á plataforma electrónica do sistema de información de residuos (eSIR).

Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que este procedemento permitirá reducir as cargas administrativas dos talleres galegos, sempre e cando leven o arquivo cronolóxico correspondente a través de Gaia.

Nesa liña, unha vez que estean implementados os axustes técnicos necesarios, a Xunta comunicará ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que Galicia levará a cabo este procedemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2023