A Xunta promove a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos centrados na dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada

A convocatoria de obradoiros do Igape conta con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía

Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria

O Goberno galego promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros, contando con máis de 1.250 asistentes

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar a través do Igape unha nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.

Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.  

O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. De cara a facilitar a planificación e preparación dos proxectos por parte dos organismos intermedios, o prazo de presentación de solicitudes abrirá o próximo 2 de xaneiro de 2024 e será dun mes, ata o 2 de febreiro.

Esta é a sétima convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización, cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros e contando con máis de 1.250 asistentes, contribuíndo así a impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/12/2023