A Xunta achegou 30.000 euros ao concello de Navia de Suarna para acondicionar un inmoble municipal en Queizán

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a actuación incluíu a mellora do illamento e a renovación das carpinterías exteriores

Navia de Suarna (Lugo), 7 de decembro de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegou 30.000 euros ao Concello de Navia de Suarna a través da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para acondicionar un inmoble municipal situado en Queizán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde de Navia, José Fernández, de veciños de Queizán e de concelleiros deste municipio, comprobou o resultado da actuación, que tiña por obxecto renovar as instalacións e incrementar a eficiencia enerxética.

O proxecto contemplaba mellorar a envolvente térmica de todo o recinto, incluída a substitución das carpinterías exteriores; ademais de instalar unha estufa de biomasa para subministrar calefacción e auga quente sanitaria. Deste xeito, un inmoble que estaba en mal estado de conservación poderá ser recuperado para o uso público.

O Fondo de Compensación Ambiental (FCA) conta este ano cun orzamento de máis de 11M€ para cofinanciar proxectos en colaboración cos concellos. Coa liña competitiva fináncianse iniciativas que redunden en beneficio do medio ambiente e a non competitiva vai dirixida aos concellos polo asentamento de parques eólicos no seu ámbito xeográfico.

Arias lembrou que o ano pasado, a Xunta concedeu 30.000 euros a través do mesmo programa para levar a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética na casa consistorial de Navia de Suarna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2023