A Xunta solicita por carta á nova ministra de sanidade a adopción de medidas para abordar o problema nacional do déficit de médicos de familia
O conselleiro de Sanidade agradece que Mónica García asumira na súa primeira semana no cargo a responsabilidade do Ministerio en “volver ter profesionais sanitarios”
Comesaña lembra que todos os servizos de saúde de España sofren a non dispoñibilidade de especialistas de medicina de familia aos que poder contratar para cubrir vacantes e ausencias
Tras citar as medidas adoptadas polas Xunta para afrontar a falta de médicos, solicita ao Ministerio un “plan de choque” e reitera que as solucións a este problema excede das capacidades e as competencias dos gobernos autonómicos
Con motivo do nomeamento da nova ministra de Sanidade, Mónica García; o responsable do sistema sanitario público galego, Julio García Comesaña; enviou unha carta á titular da carteira sanitaria do Goberno central, na que insta á ministra a abordar de forma urxente o problema da falta de médicos que sofre o Sistema Nacional de Saúde. Así, o anunciou durante a súa intervención, esta tarde no Parlamento de Galicia, na que respondía a unha pregunta dos grupos da cámara, sobre a dotación de profesionais para a atención primaria da comarca da Mariña.
Tras felicitar á nova Ministra, o conselleiro de Sanidade aproveitou a comunicación para trasladarlle os grandes asuntos do ámbito da Saúde que requiren da adopción de medidas de forma inmediata.
Así, e tal e como xa fixera cos seus predecesores no cargo, Comesaña reiterou que o reto máis urxente que nestes momentos debe asumir García “é executar un plan de choque para dotar ao Sistema Nacional de saúde de máis especialistas”, e dun xeito máis concreto, no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria.
O conselleiro remarcou as dificultades que están a ter o conxunto de comunidades autónomas para cubrir as baixas e as ausencias dos profesionais na atención primaria, ao estar baleiras as listas de contratación.
“Non se trata dun diagnóstico novo” indica na carta Comesaña, ao tempo que lamenta o incumprimento por parte do Goberno de España dos acordos aprobados no ano 2018 e que, por unanimidade, foron consensuados co conxunto das comunidades autónomas.
Do mesmo xeito, e en alusión ao Manifesto que o pasado mes de xullo Galicia enviou de xeito conxunto co País Vasco e, ao que se adheriron outros gobernos autonómicos de diferente cor política, o titular da Sanidade galego subliñou que é preciso que o Goberno de España acometa as reformas necesarias que son da súa competencia, e que ademais, estas estean acompañadas do esforzo orzamentario e loxístico que deben levar aparelladas.
Nomeadamente, Comesaña insistiu en que é preciso realizar un incremento extraordinario de 1.000 prazas anuais na oferta formativa da especialidade de medicina familiar e comunitaria, ademais de modificar o sistema de elección de prazas MIR, de xeito que non poidan quedar prazas sen cubrir.
Outra das demandas que traslada a Xunta á nova ministra, é a resposta e valoración das alegacións presentadas sobre o Decreto regulador da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, e entre as que se atopa que as prazas desta especialidade permitan formar profesionais de atención primaria.
O documento tamén enumera o conxunto de medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para paliar a carencia de especialistas en Medicina Familiar e Pediatría na atención primaria, destacando os acordos de melloras retributivas acordados cos sindicatos, os cambios organizativos para diminuír a carga de traballo dos facultativos ou a oferta mediante concursos de méritos para as prazas de difícil cobertura.
“A non dispoñibilidade de profesionais formados para contratar, escapa das capacidades dos servizos autonómicos de saúde e require dunha resposta nacional”, destacou Comesaña.
A Xunta traslada propostas de mellora
O titular da carteira sanitaria da Xunta trasladou de novo nesta misiva un conxunto de propostas de mellora coas que a Xunta considera que se pode facer fronte a falta de especialistas, a curto e medio prazo.
Entre elas, apunta a necesidade de poñer en marcha de “xeito efectivo” o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios, un recurso que debe ser unha guía para planificar con acerto o futuro do Sistema Nacional de Saúde.
Así mesmo, e como medida de carácter máis inmediato, lembrou que é preciso que o Ministerio aborde as modificacións legais oportunas para permitir que o novo réxime de xubilación activa contemple a ampliación da idade de 72 anos para os médicos de familiar e os pediatras de atención primaria.
“Cremos importante desligar esa modificación do proxecto de reforma do Estatuto Marco do persoal estatutario”, avogando por “tramitalo de forma separada e urxente para que entre en vigor o antes posible”.
Por último, enumerou outros asuntos e retos estratéxicos nos que se debe avanzar, como son a axilización dos procesos de incorporación da innovación -especialmente no ámbito da farmacia-, ou o deseño dun novo sistema estatal de Saúde Pública, no que participen o conxunto de comunidades autónomas.
Comesaña pecha a carta trasladando a dispoñibilidade e colaboración da Xunta de Galicia para afrontar a posta en marcha destas medidas.