A conselleira de Política Social e Xuventude visitou o centro acompañada do alcalde Fernando Javier Pérez Fernández

Fabiola García destaca as melloras realizadas na vivenda comunitaria de Vilasantar

Financiáronse con 36.000 euros actuacións para acondicionar as habitacións, nas que con anterioridade xa se renovaran todas as camas

Vilasantar (A Coruña), 6 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá a vivenda comunitaria para persoas maiores de Vilasantar, pertencente a rede pública da Xunta de Galicia. O Executivo autonómico financiou con 36.000 euros diferentes melloras neste equipamento con capacidade para aloxar ata a 12 usuarios.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde do concello, Fernando Javier Pérez Fernández, destacou que estas melloras responden ao compromiso do Goberno galego de poñer a disposición das familias as mellores instalacións para a atención e coidados dos seus maiores.

As actuacións realizadas neste inmoble, que executou o Concello, remataron recentemente e son o resultado dun convenio de colaboración asinado entre a Administración autonómica e a local. Os traballos consistiron, basicamente, en completar o acondicionamento das habitacións do centro, coa colocación de novas portas, biombos, pratos de ducha, sanitarios, espellos e radiadores eléctricos.

Así mesmo, a intervención incluíu o pintado dos dormitorios e dos distribuidores. Tamén se revisaron e limparon os canlóns da vivenda.

Estas melloras súmanse á renovación das camas que se fixo con anterioridade. Deste xeito, séguese a mellorar o benestar e a comodidade dos residentes nesta vivenda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2023