O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, reuniuse en San Caetano coa rexedora deste municipio

A Xunta estudará as posibilidades para seguir mobilizando e reestruturando terra no concello coruñés de Teo

José González avaliou coa alcaldesa da localidade, Lucía Calvo, as opcións para continuar avanzando na reestruturación de superficie agroforestal e a súa posta en valor

No encontro tamén se valorou o recente convenio asinado para levar a cabo un proxecto de mellora de dúas infraestruturas viarias no lugar de Cesar, cun investimento de máis de 48.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural

Nesta mesma liña, o Concello de Teo conta con outro proxecto en marcha para o acondicionamento do viario municipal en Cornide, que se atopa dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais 2023/2024 e ten unha dotación de 50.846 euros por parte do goberno autonómico

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá en San Caetano coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, para abordar diversos temas de interese para esta localidade coruñesa.

 

Neste encontro, a rexedora trasladou a súa vontade por seguir mobilizando e reestruturando terra na localidade, polo que o conselleiro sinalou que se estudarán as posibilidades para continuar con esta tarefa en Teo a través de todas as ferramentas dispoñibles, co obxectivo da posta en valor da superficie agroforestal e a súa posta en valor.

 

Outra das cuestións abordadas foi o recente convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e o Concello de Teo para un proxecto enmarcado no Plan de Infraestruturas Rurais. A Xunta destinará 48.369,79 euros para o afirmado e acondicionamento de dous camiños de titularidade municipal no lugar de Cesar, cunha lonxitude de actuación de 580 metros e unha superficie de 2.725 metros cadrados.

 

Este investimento compleméntase con outro destinado para o afirmado e acondicionamento no viario municipal en Cornide, cun orzamento por parte do goberno autonómico de 50.846 euros enmarcado no Plan Marco de mellora de camiños municipais 2023/2024.

 

Ademais, a alcaldesa amosou o seu interese en seguir afondando na colaboración institucional na prevención de incendios forestais, tanto con recursos de persoal e maquinaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023