Rivo destaca que as medidas da Xunta a prol do emprego xuvenil contribuíron a reducir en cinco puntos o paro entre as persoas mozas nos últimos anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, aseverou no Pleno do Parlamento galego que a taxa de desemprego entre as persoas de 24 a 29 anos pasou do 19,6% en 2018 ao 14,3% no terceiro trimestre deste ano

Salientou que o Goberno galego reeditará en 2024 iniciativas como o programa Investigo, o de práctica profesional para a mocidade menor de 30 anos ou as axudas para mellorar as oportunidades das persoas novas demandantes de emprego
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para dar conta das medidas da Xunta co gallo de mellorar a situación laboral e económica da mocidade en Galicia. Unhas medidas que, segundo aseverou, contribuíron a que a taxa de paro entre as persoas de 24 a 29 anos pasase de representar o 19,6% en 2018 a situarse no 14,3% no último trimestre deste ano.

Na súa intervención, a conselleira referiuse á mocidade como un “colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, clave para garantir o futuro de Galicia”. Así, destacou que no vindeiro exercicio se reeditarán programas que teñen amosado a súa efectividade de cara a seguir mellorando e incrementando a súa inserción laboral.

Nese senso, referiuse ao programa Investigo, posto en marcha en 2022 para incentivar a contratación de mozas e mozos nos eidos da investigación, a tecnoloxía e a innovación, como xeito de reter talento e contribuír á creación de postos de traballo cualificados. Volverá convocarse en 2024 tras acadar as 741 persoas beneciadas cun orzamento de 22,3 millóns de euros, entre o ano pasado e este.

Tamén falou das bondades do programa de práctica profesional para a mocidade menor de 30 anos, axudando na inserción laboral con competencias para o emprego, que continuará en 2024 tras beneficiar máis de mil persoas entre 2022 e 2023 cun orzamento de 19,5 millóns.

Igualmente, e dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027, seguiranse impulsando axudas dirixidas a mellorar as oportunidades laborais das persoas mozas demandantes de emprego e, en particular, das inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil. Neste caso, Elena Rivo recalcou que as iniciativas con fondos europeos para promover a contratación de persoas mozas en organismos intermedios sen ánimo de lucro ou en empresas roldaron este ano o medio milleiro de persoas beneficiadas, cun presuposto global próximo aos 4 millóns de euros.

A maiores, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade puxo de relevo outras iniciativas que deron os seus froitos nos últimos anos, como o Programa Primeira Experiencia Profesional na Administración Pública, con 368 mozas e mozos beneficiados cun orzamento de 10,9 millóns de euros. Tamén o Galicia Emprega, para incentivar a contratación das persoas menores de 30 anos que carezan de ocupación, desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, favorecendo a súa contratación na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades, incluíndo unha liña específica para a xuventude. Conta cun total de 1.791 mozas e mozos beneficiados, cun orzamento de 9 millóns de euros.

Así mesmo, a conselleira recalcou que as persoas mozas son un colectivo prioritario, con acceso preferente noutros programas como o de promoción do emprego autónomo, o de cooperación ou o de subvención para o fomento do emprego no medio rural. En definitiva, “medidas que proban o compromiso da Xunta de Galicia a favor da mocidade galega, porque as mozas e mozos son unha prioridade para a totalidade deste Goberno e así seguirá séndoo nos vindeiros anos”, en palabras de Rivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023