A Xunta e Compostela Monumental estreitan a súa colaboración para avanzar na concienciación sobre o uso dos plásticos e o consumo responsable

O Executivo galego e a asociación de comerciantes santiaguesa cooperarán en distintas iniciativas para avanzar na sensibilización da cidadanía e promocionar unha imaxe de centro histórico sostible que aposta por prácticas respectuosas co medio ambiente

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2023

A Xunta e a asociación Compostela Monumental seguirán colaborando nos próximos meses en distintas accións para avanzar na concienciación da cidadanía sobre o uso dos plásticos e o consumo responsable. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os representantes da entidade, que constataron a necesidade de seguir traballando na sensibilización do conxunto da sociedade neste eido.

As partes analizaron a posibilidade de reeditar no futuro accións como o deseño e entrega aos clientes de bolsas de material ecolóxico para fomentar a redución do uso dos plásticos. Os detalles deste tipo de accións concretaranse en futuros contactos coa idea de apostar por medidas que contribúan a promocionar a imaxe dun centro histórico sostible que aposta por prácticas respectuosas co medio ambiente.

O Executivo galego e Compostela Monumental coincidiron na importancia de sumar esforzos e involucrar ao maior número de colectivos sociais na loita contra o uso dos plásticos e na protección na natureza, algo especialmente relevante nun centro histórico como o de Santiago que recibe a diario un gran número de visitantes tanto de orixe nacional como internacional.

Ángeles Vázquez e os representantes da entidade tamén avaliaron as distintas posibilidades que teñen os concellos en colaboración coa Xunta para impulsar proxectos de mellora -como a rehabilitación de vivendas ou humanización de espazos- nos seus ámbitos de actuación e que contribúen a dinamizar os centros históricos. A vicepresidenta segunda lembrou que o seu compromiso co municipio é total como demostran os investimentos realizados no pasado ou o esforzo económico realizado no Parque Empresarial da Sionlla, no que se levan investidos case 75 millóns de euros.   

A entidade

A asociación Compostela Monumental agrupa a comerciantes, empresarios e profesionais da zona histórica de Santiago para a defensa dos seus intereses e forma parte da Confederación Española de Asociacións de Comerciantes dos Cascos Históricos de España. Ambas organizacións teñen como finalidade representar aos comerciantes da súa área de influencia e promover actuacións públicas ou privadas co obxectivo de conservar, protexer e promocionar as zonas históricas entre o conxunto da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2023