A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse hoxe con representantes de asociacións do sector

A Xunta garante o seu apoio ao sector das razas autóctonas en 2024 para afrontar os danos do lobo

Do Campo avanza que o Goberno galego publicará nas vindeiras semanas unha nova convocatoria tanto da liña de axudas para prevención de danos como da correspondente a paliar as consecuencias dos ataques desta especie

 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia garantiu hoxe o seu apoio ao sector das razas autóctonas en 2024 para afrontar os datos causados polo lobo.

Durante unha reunión que mantivo co director da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), José Ramón Justo, e co presidente da Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes), José Manuel Lamelas, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, avanzou que o Goberno galego publicará nas vindeiras semanas unha nova convocatoria tanto da liña de axudas para prevención de danos como da correspondente a paliar as consecuencias dos ataques desta especie ás explotacións gandeiras da Comunidade.

Máis polo miúdo, no caso da prevención, a directora xeral fixo fincapé no éxito da primeira convocatoria da axudas para a contratación de persoas coidadoras do gando en explotacións en réxime extensivo para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo das reses, que tamén se convocarán en 2024. De feito, este ano o Goberno galego incrementou a partida inicialmente destinada a esta iniciativa novidosa para atender todas as solicitudes presentadas.

A esta liña de incentivos, hai que engadir as axudas destinadas á adquisición e instalación de valados fixos, e as que teñen como obxecto a compra e manutención de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e a colocación de cerrumes con malla.

Así, segundo resaltou do Campo, a Xunta mantén un ano máis o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e a conservación desta especie de fauna silvestre en Galicia, tal e como vén facendo nos últimos anos. Cómpre lembrar que, entre os anos 2016 e 2023, o Goberno galego destinou preto de 8 millóns de euros a previr e paliar os danos causados polos ataques do lobo ao sector agrogandeiro.

Nesa liña, a directora xeral contrapuxo o esforzo económico da Xunta neste sentido co retraso, unha vez máis, do Goberno central á hora de levar a cabo o reparto dos fondos asignados para o lobo nos orzamentos de 2023, que xa deberían estar distribuídos e en execución.

Nese senso, Belén do Campo lembrou que á Xunta non lle foron transferidos os fondos do ano 2022, logo de que o Goberno central vencellase o acceso a estes financiamento á subscrición da nova Estratexia nacional do lobo, unha decisión que Galicia non aceptou e pola que segue reclamando por vía xudicial o seu dereito a recibir os 4,3 millóns de euros que lle correspondían segundo o reparto aprobado en Conferencia sectorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023