A Xunta aborda a situación da comunidade peruana en Galicia co seu cónsul honorario

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo un encontro co cónsul honorario da República do Perú en Galicia, Marco Antonio Gonzales

Perú ven sendo país prioritario da cooperación ao desenvolvemento galego desde 2006

O cónsul honorario manifestou o seu interese por organizar un “consulado itinerante” en próximas datas en Santiago de Compostela
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu esta mañá ao cónsul honorario da República do Perú en Galicia, Marco Antonio Gonzales, nomeado o pasado marzo.

Esta visita enmárcase nos contactos regulares da Xunta co corpo consular acreditado en Galicia. Na reunión, o director xeral interesouse pola situación política do Perú e a integración da comunidade peruana en Galicia, dedicada especialmente ao sector pesqueiro e de transportes. Por outra banda, informou ao cónsul honorario da especial importancia do Perú como receptor da cooperación ao desenvolvemento que ven realizando a Xunta desde fai anos con este país andino.

No relacionado coa cooperación ao desenvolvemento, Perú é considerado país estratéxico para a Cooperación Galega desde 2006, co primeiro Plan Director, e o seu carácter prioritario mantívose nos sucesivos plans que a rexeron. O volume de axuda canalizada cara o país desde 2010 acada case os 7 millóns de euros e dedicouse sobre todo aos sectores da educación básica e técnica, á produción agrícola, ao sector acuícola e pesqueiro e ao sector hídrico e saneamento.

O cónsul honorario, adiantou a súa intención de celebrar unha sesión de “consulado itinerante” en Santiago de Compostela, co obxectivo de atender de forma máis eficiente á comunidade peruana residente no norte de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023