A Xunta aposta pola colaboración co clúster da loxística con ferramentas como as microformacións adaptadas ás necesidades específicas do sector

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na Cidade da Cultura na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector da loxística

Alí destacou os máis de 117 M€ do novo Plan galego de formación para o emprego, o impulso da Rede de centros asociados de formación ou as accións formativas de curta duración e flexibles orientadas á mellora das oportunidades laborais

No relativo ás colaboracións cos clústers (4,6 M€ en 2024), sinalou que o convenio co da loxística asinado en outubro supuxo a realización de 12 accións formativas con 257 persoas participantes

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector da loxística organizada co gallo de visibilizar a formación para o emprego que se está impartindo especializada neste sector, así como de trasladar ás empresas as iniciativas postas en marcha nese senso. Alí, a directora xeral destacou que o convenio de colaboración asinado co clúster da loxística en outubro pasado supuxo a realización de 12 accións formativas con 257 persoas participantes.

No acto, Zeltia Lado puxo de relevo que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinarán ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis ca este ano. Con este importe, entre outras, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

A directora xeral salientou que -no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego- tamén se avanzará na colaboración cos clústers, destinando 4,6 millóns de euros a convenios con estas entidades para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. Nesa liña, a Xunta seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023