Galicia lidera en ciencias e equidade no informe PISA e mantense por riba da media de España e da OCDE en todas as variables

O ensino galego conserva unha boa situación pese á incidencia da covid, que repercute de xeito xeral tanto a nivel nacional como internacional

A nosa Comunidade está no primeiro posto do Estado en competencia científica con Castela e León con 506 puntos, 21 máis que a media española e da OCDE

Sitúase en cabeza xunto a Cantabria en equidade, é dicir, nas posibilidades de que un alumno progrese con independencia da súa situación social e económica

PISA subliña a importancia de combinar bos resultados e que estes cheguen a todos para dar igualdade de oportunidades, algo no que Galicia destaca en particular

Galicia rexistra 486 puntos en Matemáticas, 13 máis que o conxunto de España e 14 máis que a OCDE, e unha evolución que na última década só melloran tres países

En lectura obtén 485 puntos, novamente 11 e 9 máis que o Estado e a OCDE

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

O sistema educativo galego mantén unha boa situación en todas as variables analizadas polo Informe PISA, cun liderado claro en ciencias e en equidade, segundo os datos correspondentes a 2022 que acaban de coñecerse. O estudo reflicte un contexto xeneralizado de baixada nos resultados acadados, tanto a nivel estatal como internacional, consecuencia da afectación da pandemia no sistema educativo, tal e como conclúen os autores de PISA.

Pese a esta realidade esperada, Galicia mantén o seu diferencial co respecto á media do conxunto das comunidades autonómas e do contexto internacional. De xeito particular, destaca o seu liderado na competencia científica, onde ocupa a primeira posición do Estado empatada con Castela e León, con 506 puntos. Este dato supón obter 21 puntos máis que a media española (485) e que os países da OCDE (485).

Outra das fortalezas que se afianzan no sistema educativo galego é a equidade, ámbito que lidera novamente xunto a Cantabria. Este parámetro mídese a partir dunha serie de variables que determinan en que medida un sistema educativo é capaz de dar igualdade de oportunidades e conseguir así que o rendemento dos seus estudantes dependa das súas capacidades e non do seu contexto social, económico e cultural.

Sistemas educativos “robustos”

O propio informe PISA sinala que rendemento e equidade “non son excluíntes” e que os sistemas educativos “máis robustos son os que conseguen equidade e excelencia, a pesar dos desafíos que a pandemia da covid-19 supuxo para a educación”. Neste aspecto, o sistema educativo galego preséntase precisamente como un dos máis robustos.

Canto á competencia matemática -que é a competencia analizada como principal en 2022-, Galicia obtén 486 puntos, 13 puntos máis que España (473) e 14 máis que a OCDE (472). Trátase, novamente, dunha baixada xeneralizada. De feito, só hai tres países cunha mellor evolución que Galicia nesta competencia ao longo da última década: Turquía (+5), Suecia (+3) e Xapón (-1). Finlandia (-35 puntos) e Alemaña (-39) sitúanse no extremo oposto.

Ao tomar como referencia a última década, dado que 2012 foi a última ocasión en que Matemáticas foi avaliada como competencia principal, a dinámica é comparativamente mellor, xa que Galicia baixa dous puntos fronte a 22 da OCDE e 11 do conxunto de España.

Esta dinámica á baixa tamén é común á competencia lectora, onde Galicia obtén 485 puntos, 11 máis que a media das comunidades autónomas e 9 máis que a OCDE.

Medidas de avance e consolidación

Cos datos na man, desde a Consellería de Educación procederase agora a unha análise pormenorizada dos mesmos co obxectivo de que o sistema continúe avanzando na súa mellora e consolidación nos vindeiros anos. En xeral, e pese a que Galicia non escapa de caída xeneralizada que se produce en todo o mundo, consigue manterse malia á situación de emerxencia sanitaria que provocou importantes restricións durante tres cursos.

As probas foron realizadas na primavera do 2022, o último curso dos tres plenamente marcados pola pandemia: o confinamento no último trimestre do 2019-20 e as medidas de protección nos cursos 2020-21 e 2021-22. Participaron nelas unha mostra de 1.824 alumnos de 58 centros galegos. En total, 966 centros e 30.800 estudantes en toda España.

Desde entón, o Goberno autonómico está a reforzar o ensino galego con medidas como o Plan Recupera, o Programa Acompaña, a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar, os plans de mellora vinculados aos Contrato-Programa e a PROA, así como como novos programas e estratexias: os Polos Creativos, o Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025, a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, a Estratexia de Ensino Dixital, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica ou a adecuación dos currículos da nova lei educativa. A última delas é o acordo coas organizacións sindicais que entrará en vigor o 1 de xaneiro e que permitirá afrontar con garantías os retos da próxima década.

Data de actualización: 05/12/2023