Román Rodríguez traslada ao novo ministro de Cultura a preocupación da Xunta polo retraso da nova biblioteca de Vigo

O conselleiro de Cultura vén de enviar unha carta a Ernest Urtasun para darlle á benvida institucional e informar de diversos asuntos prioritarios para a cultura de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de trasladar ao novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, a preocupación da Xunta de Galicia polos retrasos de varios proxectos prioritarios para a cultura de Galicia, entre os que se inclúe a nova biblioteca de Vigo.

“Agardamos que nesta nova etapa poidamos axilizar e concretar estes investimentos e outros que afectan aos nosos bens culturais e patrimoniais”, salienta o responsable autonómico de Cultura, que lamenta que despois de cinco ministros de Cultura esta infraestrutura tan necesaria para a cidade de Vigo continúe paralizada. Trátase dun proxecto co que a Xunta de Galicia está comprometido, no que cre e polo que aposto, pero que ningún dos ministros foi quen de avanzar.

Cómpre lembrar que no ano 2020 a Administración autonómica trasladou un proxecto de 8.000m² que o Ministerio de Cultura e o Concello de Vigo quixo rebaixar a 4.500m². Esta superficie foi considerada insuficiente polo Goberno galego, que o trasladou ás outras administracións. Finalmente, hai un meses, aceptouse a proposta que permite “unha biblioteca acorde ás necesidades de Vigo”.

Neste senso, de non ser pola Xunta de Galicia, Vigo tería unha biblioteca da metade do tamaño necesario. Precisamente, o conselleiro solicitou hoxe nunha entrevista en Onda Cero Vigo maior celeridade para que “o antes posible” o Concello inicie os trámites para ceder os terreos e que o Ministerio poña en marcha a contratación do proxecto.

Data de actualización: 04/12/2023