A Xunta e o Consello de Contas colaboran para sensibilizar ao alumnado da importancia da integridade e o comportamento ético

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o conselleiro do Consello, Juan Carlos Aladro, firman o convenio con vixencia de catro anos

Entre as actuacións previstas, impulsarase un certame literario sobre os aspectos do acordo

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Consello de Contas de Galicia asinan un convenio de colaboración para sensibilizar ao alumnado galego da importancia da integridade e o comportamento ético. Este protocolo dará continuidade ao marco e colaboración institucional que xa existe entre ambas entidades para concienciar e sensibilizar a poboación en idade escolar na cultura destes aspectos.

Así o confirmaron hoxe o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o conselleiro do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, na firma do convenio, cuxa vixencia é de catro anos. “Somos conscientes da importancia do fortalecemento da educación en valores éticos e da necesidade de formar ao alumnado en materia de integridade e prevención da corrupción”, sinalou o titular de Educación.

“Con esta colaboración tamén queremos favorecer o desenvolvemento das competencias clave relacionadas coa cidadanía activa e responsable, así como o fortalecemento dos valores democráticos europeos”, engadiu.

Medidas incluídas

A través deste acordo, facilitarase ao alumnado dos centros educativos unidades e materiais didácticos para fomentar e aprender sobre a cultura do comportamento ético da sociedade civil nas súas relacións cos poderes públicos. Uns aspectos que se incluirán de modo transversal no currículo e, en especial, naquelas materias relacionadas coa economía e o emprendemento.

Ademais, a Rede de Formación do Profesorado asumirá a organización das correspondentes accións para a formación dos docentes, encargándose, entre outras cuestións, da inscrición e certificación do profesorado, os medios materiais e recursos necesarios, a xestión de espazos e a difusión de boas prácticas.

Como actuación complementaria, o Consello de Contas impulsará un certame literario sobre os aspectos do acordo. O premio estará dirixido a alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato e a súa entrega farase arredor do Día Internacional contra a Corrupción, que se celebra o 9 de decembro. O contido do premio será determinado polo Consello de Contas, os que tamén aprobarán as bases da convocatoria coa supervisión pedagóxica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023