O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades intervén no Parlamento de Galicia para presentar esta normativa pioneira en España e en Europa

Román Rodríguez destaca que a nova Lei de cultura inclusiva e accesible suporá un paso decisivo para garantir a participación efectiva de todas as persoas

“Queremos eliminar os obstáculos e barreiras para que todos os galegos e galegas poidan desfrutar da gran riqueza cultural de Galicia”, salienta

Este novo texto chega á Cámara galega logo dun traballo consensuado con sete xuntanzas con 55 entidades a numerosas achegas

O obxectivo é regular por primeira vez de xeito integral a participación na cultura tanto desde a vertente creativa como a do acceso

Inclúe a creación, no prazo de dous anos desde a aprobación, dun Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible e un Plan de accesibilidade para avaliar a situación actual

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para presentar a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira en España e en Europa que, tal e como destacou, suporá un paso decisivo para garantir a participación efectiva de todas as persoas no ámbito da cultura.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, este novo texto chega á Cámara galega logo dun traballo consensuado tanto co sector como cos colectivos implicados para o que se mantiveron sete xuntanzas con máis de 55 entidades na fase previa e se recibiron observacións por parte de 11 entidades e os correspondentes informes. “O resultado deste traballo é unha lei innovadora que por primeira vez regula de xeito integral o acceso á cultura en termos de inclusión e accesibilidade e que abarca, ademais, as dúas direccións de relación das persoas coa cultura: desde a vertente creativa e tamén desde o acceso e consumo”, salientou.

“En Galicia temos unha gran riqueza cultural enraizada na tradición e que dialoga coa contemporaneidade. O noso obxectivo é eliminar os obstáculos e barreiras para asegurar o dereito universal á cultura e que todos os galegos e galegas poidan gozar dela”, engadiu o conselleiro. Para iso, a norma afonda en sete grandes liñas de actuación que se centran en ámbitos como a creación, a sensibilización, a formación, a eliminación de barreiras, o impulso da cultura no rural ou o emprego das novas tecnoloxías.

Ademais, contempla a creación, no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor, dun Plan de accesibilidade e de inclusión cultural no que, coa participación de entidades representativas, se detalle a situación de partida e as melloras que cómpre realizar, e un Observatorio da cultura inclusiva e accesible de Galicia que funcionará como un órgano colexiado, de asesoramento, seguimento e participación institucional.

Creación cultural e acceso

Así, no tocante á creación cultural, a lei recolle medidas centradas en fomentar as manifestacións culturais en todas as súas vertentes e desde todo tipo de persoas e colectivos. Para iso, contémplanse liñas de estímulo que teñan en conta a perspectiva de xénero, a diversidade social e realidade xeográfica de Galicia e que permitan reducir a discriminación e acadar unha maior participación de colectivos que, polas súas características, teñan máis dificultades para participar activamente na creación cultural.

Ademais, inclúese a importancia de adaptar as actividades a todo tipo de públicos e asistentes mediante recursos e ferramentas como subtítulos, linguaxe de signos ou sesións descontraídas. Neste senso, favorecerase o uso das novas tecnoloxías para fomentar a dixitalización de todo tipo de materiais e recursos para a súa posta á disposición do público. Isto farase sen abandonar os sistemas analóxicos tendo en conta aos colectivos con maiores dificultades neste eido.

Descontos, formatos móbiles e rural

Por outro lado, o texto presentado no Parlamento de Galicia pretende promover a dixitalización de todo tipo de materiais e recursos do patrimonio cultural de Galicia, os descontos ou gratuidades nas actividades públicas para os colectivos máis desfavorecidos ou a creación e difusión de axendas culturais compartidas e plenamente accesibles. En canto ao territorio, a nova regulación ten en conta a realidade xeográfica de Galicia á hora de incidir na importancia de planificar programacións que cheguen ás zonas rurais. Para iso, valora o uso de opcións como formatos móbiles ou itinerantes que impidan que a localización limite o acceso á cultura por parte da cidadanía.

Para que estas medidas teñan o maior éxito posible, a lei recolle a importancia de impulsar accións formativas en aspectos relativos á igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal. Para iso, o persoal público disporá dunha ampla oferta formativa sobre estes aspectos e tamén se potenciará a investigación, o desenvolvemento e a innovación en materia de accesibilidade e inclusión favorecendo a realización de encontros e intercambios de boas prácticas. Neste senso, tamén se favorecerá a realización de campañas, eventos e outras accións de impacto que permitan xerar unha maior conciencia, ou a cooperación e colaboración con outras administracións e entidades para o desenvolvemento de medidas que contribúan a facilitar o acceso á cultura de todas as persoas.

Data de actualización: 04/12/2023