A Xunta remata a 2ª edición do programa de mentorización para a consolidación da economía social aumentando en máis dun 50% a rede de persoas mentoras

A conselleira de Promoción do Emprego e igualdade, Elena Rivo, clausurou o acto de presentación de resultados do segundo ano que cumpre a iniciativa, na que están implicadas Agaca e Espazocoop

O obxectivo é acompañar e consolidar as entidades galegas da economía social en proceso de transformación, mediante o asesoramento de profesionais con experiencia que poidan compartir os seus coñecementos e aptitudes

A Rede de mentoras da economía social acada xa as 84 persoas (máis da metade delas, mulleres) e neste 2023 deron apoio a 40 entidades (37 cooperativas de distintos sectores, un Centro Especial de Emprego e dúas entidades de inserción laboral)
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, clausurou hoxe o acto de presentación de resultados da 2ª edición do programa de mentorización da Xunta para a consolidación da economía social en Galicia, desenvolvido coa colaboración da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e da Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop). A conselleira agradeceu a implicación das dúas entidades, así como das participantes no proxecto, destacando que a iniciativa remata o seu segundo ano cun incremento dun 53% na Rede de persoas mentoras da economía social con respecto á edición anterior.

Así, son xa 84 as persoas mentoras (53 mulleres e 31 homes) dispostas a apoiar en diferentes áreas profesionais. Neste 2023, prestaron asesoramento a un total de 40 entidades: 37 cooperativas (dos sectores agroalimentario, gandeiro, hortícola, vitivinícola, cultural, da consultoría, participación social, turismo, servizos, hostalaría e TIC, entre outras), un Centro Especial de Emprego e dúas entidades de inserción laboral.

Segundo apuntou a conselleira, o obxectivo do programa é consolidar as cooperativas e demais entidades da economía social de Galicia mediante servizos e procesos de mentoría, que permitan que profesionais con experiencia poidan compartir os seus coñecementos con outras entidades que precisan implementar melloras por atoparse en procesos de transformación, e que estean interesadas en recibir asesoramento para mellorar as súas estratexias de negocio.

 

En concreto, no marco deste programa búscase tecer unha rede colaborativa, potenciando as relacións de intercooperación entre persoas da economía social, poñendo en valor experiencias de éxito e coñecementos valiosos para outras entidades. Nese senso, Elena Rivo agradeceu a participación de todos os implicados, co gallo de impulsar un modelo de negocio solidario e pegado ao territorio, que antepón os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade. 

Para seguir promovendo a economía social, cabe lembrar que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade eleva en 2024 ata os 43,6 M€ o orzamento para este propósito, co gallo de afondar na difusión da economía social, na creación e consolidación de iniciativas de economía social e na promoción do emprego inclusivo.

Así mesmo, segundo destacou a conselleira, a Xunta de Galicia está a perfilar a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores. Tamén se está a traballar na nova Lei de cooperativas, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023